21 de dec. de 2023

OIA

A alcaldesa de Oia lamenta ter que celebrar un pleno sobre o deslinde 

 Cuns puntos que xa foron aprobados en anteriores sesións   


Cristina Correa Pombal, alcaldesa do Concello de Oia
Foto: C.O.

Infogauda / Oia

 Ante a solicitude do grupo municipal do PSdeG-PSOE dun pleno extraordinario para abordar a cuestión do deslinde entre os termos municipais de Oia e Baiona, a alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal, lamenta “verse na obriga de ter convocar unha sesión na que se van abordar os mesmos puntos xa aprobados noutras celebradas anteriormente ” .  

 Segundo a Lei de Bases de Réxime Local, ante a solicitude de pleno extraordinario por parte de polo menos a cuarta aparte dos membros da Corporación, é obrigatorio convocar a sesión. No caso da petición realizada polos concelleiros do PSdeG-PSOE, o pleno quedou marcado para este venres, día 22 de decembro ás 9.30 horas.  

 Correa insiste en que  “os puntos da orde do día da sesión solicitada polo PSOE xa foron aprobados en anteriores plenos. Así, a creación da comisión encargada de traballar no deslinde xa foi aprobada no pleno do 20 de decembro de 2018 e  na sesión plenaria do 28 de febreiro de 2019 aprobouse a composición da antedita comisión, formada por representantes dos tres grupos políticos municipais. Ademais, no mesmo pleno designouse a dous veciños que pola súa avanzada idade e acreditado xuízo puideran xustificar o sitio no que estiveron as mouteiras ou sinais divisorios, así como un perito encargado de asistir ao Concello nos labores técnicos. Posteriormente, o 10 de outubro de 2019 celebrouse un novo pleno para actualizar a composición de membros da comisión.  

 Despois da pandemia de COVID, o Concello buscou un profesional con experiencia para determinar a situación xeográfica dos puntos recollidos no principal documento que se toma como referencia neste ámbito: a acta de amolloamento de 1890. No presente ano 2023, o técnico externo entregou o seu informe, unha extensa memoria con numerosos anexos documentais que, en total, abarca unha extensión de máis de 1.000 páxinas.  

 Esta documentación era un paso indispensable e fundamental para seguir avanzando co procedemento de deslinde, o cal continuará nos vindeiros meses.  

 Tendo en conta todas as accións que o Concello de Oia ten ido adoptando nesta cuestión do deslinde, o feito de solicitar agora un pleno pedindo a creación da comisión non achega nada novo ao proceso, pois, como xa se ten indicado, se trata dunha comisión que xa existe”.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario