9 de dec. de 2023

VIGO

Genaro Alonso Martínez, de A Guarda, logrou o terceiro premio do Concurso de beléns de Afundación

 Coa exposición do 58 concurso de beléns na súa sede de Vigo, Afundación inaugurou o Nadal


Terceiro premio: Genaro Alonso Martínez

Infogauda / Vigo

 As persoas que residen na cidade de Vigo ou que a visiten nestes días, poden gozar na Sala de Exposicións de Afundación de Vigo da mostra de todos os beléns que se presentaron á 58 edición do Concurso de beléns de Afundación. Do 1 ao 18 de decembro estará aberta todos os días de 17.00 a 20.30 h; desde o 19 de decembro ao 7 de xaneiro, de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.30 h. O 25 de decembro, 1 e 6 de xaneiro, pechado. O 5 de xaneiro, pechado en horario de tarde.  


 Primeiro premio: José María Sánchez e Cris Macías
Segundo premio: María Luisa Rodríguez Balo

 O Concurso de beléns de Afundación é un referente na tradición cultural de Nadal en Galicia. Na categoría xeral, as gañadoras resultaron José María Sánchez e Cris Macías; o segundo recaeu en María Luisa Rodríguez Balo; e o terceiro, en Genaro Alonso Martínez.  

 Na categoría para colectivos formados por menores de 16 anos, o xurado decidiu conceder o primeiro premio á Asociación Aboal; o segundo, ao belén presentado por Obradoiro Fósil, e finalmente, o terceiro premio ao CPR San José de Cluny.  

 Os accésits distinguiron ao Obradoiro Martín Códax, Afaga Alzheimer, Andrea Barbeito Rebolo, Asociación ASPANAEX, Sonia Caribia Torres, Miguel Ángel Sousa Fernández e CPR Menela.  

 O xurado destacou o «complicado das deliberacións para outorgar os premios, dado o altísimo nivel dos traballos presentados, podendo afirmar que estamos ante unha das mellores edicións en canto a calidade dos beléns. A factura coa que se abordaron estes traballos, os materiais, a creatividade, o colorido e a cantidade de traballo que hai detrás de moitos dos beléns que concorren nesta edición fixeron especialmente difícil o labor do xurado».  

 Todos os traballos presentados abórdanse dun modo creativo que segue sorprendendo edición tras edición, na elección dos deseños, nos materiais, na inspiración e no esforzo que se aprecia nos beléns presentados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario