9 de dec. de 2023

A GUARDA

O BELÉN DA PRAZA DE ABASTOS XA PODE VISITARSE

 No primeiro andar do mercado municipal



Belén da praza de abastos de A Guarda
Fotos: infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Continuando unha tradición que xa contabiliza uns cantos anos, a praza de abastos da vila de A Guarda acolle un fermoso belén. 

 Montado polo somasco padre Vidal e por Miguel Sousa - como noutras edicións precedentes -, aos que sumouse Genaro Alonso Martínez; o belén presenta unha fasquía tradicional, configurada por un pobo branco, onde ademais da arquitectura oriental, tamén podemos apreciar a presenza de cubertas de tella, probablemente como un chiscar especial deica a pegada polo m undo adiante, dos cabaqueiros de A Guarda, Camposancos, Salcidos, O Rosal, Oia,..., porque diso, na nosa contorna, algo sabemos.

 Por vontade das persoas que veñen montando o belén da praza de abastos da nosa localidade, os visitantes van quedar gratamente sorprendidos pola transición do día á noite, e dese xeito poder ollar á Vía Láctea e varias constelacións. Para ese efecto, está á vista de todos, un dispositivo eléctrico moi interesante, a xeito de controlador de dúas fases, cuxo funcionamento merece unha atención especial.

 No territorio dese Belén idílico que tivo o privilexio de ser o berce de Xesús, hai montañas, ríos, vales,..., de tal xeito que os poboadores dese lugar, saben aproveitar esa variedade topográfica, e mediante pontes, muiños de auga - e tamén de vento -, fontes e pozos, poden desenvolver súa vida cotiá con normalidade. O cal non impide, que á vista dese belén non sintamos no noso interior a necesidade de instar aos gobernantes mundiais, que se deixen de lerias e que traballen dunha vez por todas, a prol da paz, alí onde non a hai. Chámese como se chame o lugar onde exista esa carencia. A cidadanía de todo o mundo quer vivir en paz. O nadal é unha magnífica oportunidade para alumear as mentes humanas e os camiños de entendemento entre as nacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario