10 de dec. de 2023

A GUARDA

O TRADICIONAL BELÉN DA FAMILIA MARTÍNEZ XA LUCE Á VISTA DE TODOS 

• Pódese admirar no escaparate do inmoble sitio na rúa Concepción Arenal, nº 31, na vila de A Guarda 



Fotos: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Nestes días de advento, período temporal que celebra a Igrexa antes do Nadal, como preparación para este, a familia Martínez Martínez vén de presentar o seu tradicional belénn. 

 Como de costume, a representación do lugar onde segundo a tradición cristiá naceu Xesús, a devandita familia situouna no escaparate do seu antigo establecemento. Dese xeito, o belén está á vista de todas as persoas que transiten pola rúa Concepción Arenal, e se acheguen ao inmoble sito no nº 31 desa arteria urbana da nosa vila. E alí, veciños e visitantes, poden apreciar - tanto en horario diurno como nas primeiras horas da noite -, todos os detalles que nos amosa.  

 O belén da familia Martínez é un labor colectivo, no que participaron varias persoas de diferentes idades, que con total espíritu de irmandade, teñen a ben compartir a beleza que irradia ese espazo onde se sitúa o relato bíblico do Nacemento e a posterior epifanía, data en que se conmemorará a adoración do Neno Xesús polos Reis Magos.

 En calquer caso, nestes momentos, no portal de Belén tan soio están, á mula e o boi. Quedan aínda uns días para que a Virxe María e seu esposo San Xosé cheguen a ese lugar onde terá lugar o Nacemento. O relato é o que é, e como tal conleva uns tempos e unhas datas concretas, como todos sabemos. Iso non é obstáculo para que en calquer momento deste tempo de vésperas do nadal, e mesmo nos días en que se celebra esta festa, calquer persoa poida achegarse á devandita ubicación e contemplar con ollos de picariño, o que alí luce para goce de todos.

 O nadal está preto e a familia Martínez Martínez ten a ben ofrecer seu belén a xeito de nadaliña, cunha mensaxe de esperanza para todos. 

 Ogallá o chamado espíritu de Nadal, o auténtico, o dos valores humanos, o da solidariedade e o de traballar pola paz mundial, brille no interior de todos e cada un de nós, e dos nosos semellantes, sexa cal sexa a súa cor de pel, a súa cultura, as súas crenzas, e súas motivacións para facer seu camiño vital. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario