27 de dec. de 2023

A GUARDA

A programación de Nadal na vila de A Guarda céntrase na cativada da casa

“A maxia do Nadal” concentra durante estas dúas semanas, unha chea de actividades moi pensadas para as familias




Infogauda / A Guarda

 O Nadal avanza na Guarda coa proposta de actividades variadas pensadas especialmente para as crianzas e as familias. De mércores a venres haberá unha actividade cada día na praza de Avelino Vicente, onde contamos cunha carpa para poder manter a programación en caso de choiva.

  O día 27 de decembro comeza a diversión cunha xornada lúdica de xogos populares, entre ás 17h. e ás 20h. A idea é converter a praza e a rúa nun espazo aberto cos enredos de toda a vida: xogos de puntería, a rá, zancos, construccións, a buxaina,…, e incluso xogos en grupos se o tempo nolo permite. A actividade está pensada para achegarse en familia ou cos amigos.  




 O día 28 de decembro continuará o xogo pero en forma de baile e musica. O espectáculo “A bailar no Nadal” é unha proposta interactiva na que a historia e os personaxes desafiarán ao público para seguir as coreografías. A actividade será as 17h. cunha duración estimada dunha hora e vinte minutos.




 O día 29 de decembro Paco Nogueiras amenizará a tarde co seu concerto “C@nto contigo”, no que repasará as cancións mais cantareiras e coñecidas do seu repertorio, que sen dúbida as pequenas e pequenos da casa ben coñecen. O espectáculo comezará ás 17h. E conta cunha duración estimada de 50 minutos.




 Durante a fin de semana a programación infantil dáse unha tregua permitindo aos pequenos continuar cos desprazamentos e as visitas familiares típicas desta época e volverá no seguinte mércores 3 de xaneiro co espectáculo infantil “As Palabras Perdidas”, que da man de Bea Campos (Migallas) e Marcos Alonso (ÁrtikaCía) darán vida á Condesa Colorada e ó seu axudante Leocadio, viaxeiros chegados dende moi lonxe que percorren as vilas e aldeas contando historias, pero ao abrir o libro, cae na conta de que o seu conto está cheo de buracos.

 O xoves día 4,  entre ás 17 e as 19h, a diversión continurá en forma de xogos. Os nenos da Guarda terán que superar diferentes xogos, probas e desafíos a cargo dos monitores que dirixen a proposta “Xogos de Nadal”.

 E como cada ano a programación rematará coa Cabalgata de Reis, que este ano trae importantes cambios, polo que vos emprazamos a permanecer atentas/os as vindeiras novas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario