21 de nov. de 2023

TOMIÑO

ADETO  anima ás empresas a regalar Tomiño

 O importe dos bonos é personalizable e poden encargarse por teléfono ou correo electrónico 




 Gonzalo Lomba / Tomiño

 ADETO, asociación de empresas de Tomiño, pon en marcha para este Nadal a iniciativa Regala Tomiño para que as empresas da contorna poidan agasallar aos seus empregados con vales de compra no comercio e servizos de Tomiño. 

 A asociación ofrece os bonos Regala Tomiño como alternativa ou complemento ás cestas e a outros aguinaldos que adoitan regalarse no Nadal permitindo que o importe e a cantidade dos vales sexa elixida por quen os adquire. Os bonos preséntanse nunha caixa cos vales desexados e o listado de establecementos onde empregalos. 

 Dende a asociación recalcan que se trata dunha oportunidade de facer “un regalo que contén moitos regalos” pois os vales poderán empregarse en multitude de comercios, negocios de hostelería e servizos de todo o tipo.  

 Con esta iniciativa, ADETO pretende fortalecer o vínculo das empresas locais coa contorna por estes bonos que “son un regalo para quen recibe os vales pero, por extensión, tamén para o veciño, a nai ou o amigo que teñen un negocio en Tomiño”.  

 Os bonos xa están dispoñibles para a súa adquisición e poden reservarse contactando con ADETO por teléfono ou a través do seu correo electrónico. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario