21 de nov. de 2023

O ROSAL

O Rosal achégase a Palestina a través da ollada dun pallaso en rebeldía  

 Iván Prado contará este xoves 23 no Centro Social Polivalente (20.00 h) o labor da ONG Pallasos en Rebeldía, que busca denunciar os muros da humanidade   




Infogauda /  O Rosal

 Empregar a risa como única arma de diversión masiva. Ese é o obxectivo da ONG Pallasos en Rebeldía, que este xoves 23 chega ao Centro Social Polivalente do Rosal para achegar ao público a Palestina a través da súa experiencia vital.  

 Da man de Iván Prado, as e os asistentes poderán coñecer o labor que este galego leva realizando dentro da organización dende hai moitos anos. Case dúas décadas de viaxes por todo o mundo facendo o mellor que sabe facer: denunciar a inmoralidade a través da risa e derrubar con accións reivindicativas os muros da humanidade.   

 Organizado polo Colectivo Carballas coa colaboración do Concello, Iván Prado achega así ao Rosal o traballo que desenvolve a Asociación Cultural e de Cooperación Internacional Pallasos en rebeldía, un espazo artístico de solidariedade internacional, transformación política e fraternidade entre os pobos que se expresa a través do clown e as artes circenses e no que conflúen artistas de diferentes países sobre a base de que a alegría e a risa poden e deben ser transformadoras. 

 O Concello convida a toda a veciñanza a participar neste encontro que comezará ás 20.00 horas e terá entrada de balde.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario