13 de nov. de 2023

O ROSAL

CONCERTO DE SANTA ICÍA 

 A cargo da banda da Agrupación Musical baixo a dirección de Javier Alonso

 O sábado 25 de novembro, ás 19:00 horas, no auditorio municipal do Rosal




Infogauda / O Rosal

 O vindeiro 25 de novembro celebrarase no auditorio municipal do Rosal o tradicional concerto de Santa Icía a cargo da banda da Agrupación Musical baixo a dirección de Javier Alonso.    

 O programa seleccionado deleitará ó público asistente e contará, como prato forte cunha obra extraordinaria pola súa dificultade e beleza: “El Jardín de Hera”, do mestre José Suñer. Este compositor valenciano, que conta cun recoñecidísimo prestixio, escribiu esta obra en 2015 e dende entón converteuse nunha referencia dentro da literatura para banda en todo o mundo. Momentos dunha factura lírica excepcional intercalados con pasaxes técnicas extremas, farán que esta obra de arte se converta nunha viaxe sensorial para todo o público asistente e demostrará as capacidades técnicas dos compoñentes dunha das mellores bandas do país.   

 O concerto contará, amais, con pezas como “Carnaval”, da compositora americana Julie Giroux, que porá o broche de ouro ó concerto. Esta peza final, cunha linguaxe fresca e divertida, fará as delicias dos asistentes, así como dos 80 artistas que formarán sobre o esceario.   

 Haberá sopresas como a aparición en escea de Irene Ruiz, unha violinista extraordinaria que porá a súa delicadeza e excelencia ó servizo do espectáculo para crear un momento de sublime calma. Para descubrir o resto e disfrutar deste concerto único, deberán acudir ó Auditorio Municipal para asistir a este espectáculo que promete grandes emocións.  

 Este será o acto central dentro das conmemoracións polo 25N, día da eliminación das violencias contra as mulleres e servirá para visibilizar o papel da muller nas artes, específicamente na música. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario