14 de nov. de 2023

DEPORTES

 BALONMÁN DHF

O Mecalia Atlético Guardés recibirá ao Rocasa Gran Canaria na recta final da primeira volta 

 Este mércores, 15 de novembro, ás 20:45 horas, no Pavillón municipal A Sangriña

 O conxunto do Baixo Miño pechará esta semana a primeira volta ligueira con dous partidos na Sangriña 

Cristina Cabeza: “Temos a necesidade de puntuar de maneira urxente para non descolgarnos da parte de arriba da táboa”




Redacción Deportes / A Guarda

 Tras unha semana sen competir, o Mecalia Atlético Guardés volve á carga con dous partidos cruciais en catro días cos que finalizará a primeira volta da liga. O conxunto do Baixo Miño necesita puntuar para non descolgarse da parte alta da clasificación. Un reto nada fácil tendo en conta quen son as rivais para bater: o Rocasa Gran Canaria  (este mércores, 20:45 horas) e o Atticgo Balonmano Elche (o sábado, 19:00 horas). Con todo, o Mecalia Atlético Guardés decidirá o seu futuro en casa e todo o mundo sabe o complicada que é a pista da Guarda.  

 A primeira cita terá lugar este mércores ás 20:45 horas, na Sangriña, contra as grancanarias. Será o partido correspondente á xornada 8, que se pospuxo pola celebración dos Xogos Panamericanos en Chile (do 17 ao 26 de novembro). O Rocasa, 7º na táboa, sitúase unha posición por encima do Mecalia Atlético Guardés cun partido máis xogado.  

 O conxunto de A Guarda chega ao envite tras dúas durísimas derrotas contra o Málaga e o Porriño nas que perdeu pola mínima a pesar de dominar en ambas as primeiras metades. Por iso, a esixencia é máxima nestes dous últimos partidos da primeira volta se as xogadoras de Cristina Cabeza queren seguir aspirando aos postos altos da táboa. A adestradora madrileña contará con todo o persoal fóra das baixas xa coñecidas (Júlia Nuez e Nerea Solares).  

Cristina Cabeza: “Temos a necesidade de puntuar de maneira urxente para non descolgarnos da parte de arriba da táboa”  

 A técnica madrileña sinala: “Desde o corpo técnico vemos ao equipo bastante ben. É verdade que tivemos unha fin de semana sen competición e as xogadoras puideron descansar moito, pero tamén somos conscientes de que temos dous partidos moi importantes en catro días”. E sentenza: “Temos a necesidade de puntuar de maneira urxente para non descolgarnos da parte de arriba da táboa”.  

 Nas súas palabras: “Esta semana é moi intensa e temos que ir a por todas”. O primeiro reto, “conseguir a vitoria contra Rocasa este mércores, un equipo que foi de menos a máis”. En concreto, Cabeza destaca á porteira Silvia Navarro, valorando que “ten unhas porcentaxes moi elevadas no últimos tres partidos”. Neste sentido, resalta a necesidade de “ser conscientes de que en casa non podemos volver perder ningún punto e ser moi competitivas de principio ata fin e deixar a vitoria aquí”.  

AXENDA  

Liga Guerreiras Iberdrola 

Partido da Xornada 8 

Mecalia Atlético Guardés – Rocasa Gran Canaria | 

Mércores, 15 de novembro, ás 20:45 horas, no Pavillón municipal da Sangriña 

En directo, pola canle de YouTube do club. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario