21 de nov. de 2023

A GUARDA

EMILIO ALONSO FREIRÍA: REENCONTRO CO SEU LEGADO ARTÍSTICO

 Do 23 de novembro ao 11 de decembro, de 09.00 a 15.00 horas - días laborables -, na Casa dos Alonso


 Autorretrato de Emilio Alonso Freiría 

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 A Casa dos Alonso acolle nestes días de outono unha mostra do legado creativo de Emilio Alonso Freiría (Panxón, Nigrán, 20 de abril de 1921 - A Guarda, 25 de abril de 2021), unha persoa que no seu día, en 1957, determinou vir coa súa familia a residir a nosa vila, realizar eiquí seu labor profesional - como oficial xudicial -, colaborar en diversas actividades socio culturais e deportivas (foi co-fundador do Dunas, C.F. de Nigrán; membro da Comisión de Festas do Monte Santa Trega; presidente da Asociación de Cabezas de Familia, do Colexio PP. Somascos; membro da xunta directiva do Recreo Artístico Guardés e do Club Ciclista O Rosal; co-fundador e primeiro presidente do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda,...) e desenvolver unha meritoria  traxectoria artística - como debuxante e pintor - e mesmo literaria, como articulista, colaborador de prensa e autor de libros, que ainda ser estaren totalmente inéditos, xa que parte dos seus contidos viron a luz en publicacións colectivas, como o libro-programa das Festas do Monte Santa Trega, agardan unha oportuna edición e publicación. Todas esas facetas dese relembrado creador poliédrico están patentes na exposición que estes días - ainda que á inauguración oficial será este mércores día 22 de novembro ás 20.00 horas - podemos visitar no vestíbulo da Casa do Concello de A Guarda, ata o día 11 de decembro, en horario de 9.00 a 15.00 h, os días laborables.

 Nada máis pasar o limiar da porta principal da Casa dos Alonso, calquer persoa que ata alí se achegue, percibirá o característico sorriso de Emilio Alonso Freiría, dende o seu autorretrato (1999), e ao seu carón, un cadro  (pintado tamén en 1999) representando unha vista da fachada de poñente, do Centro Cultural de A Guarda, e a continuación o retrato de súa dona Luciana Román Iglesias (1999). Xa no interior, teremos diante de nós unha heteroxénea mostra, configurada por dezaseis óleos (retratos, flores, bodegóns, paisaxes,...), cinco acuarelas (A Pasaxe, mariscando,...), unha colección de debuxos a plumilla (ex - colexiata de Santa María de Baiona, catedral de Mondoñedo, igrexa visigótica de Santa Comba, de Bande, igrexa románica de Santa María de Donramiro (Lalín), igrexa de San Xurxo (A Coruña), igrexa de San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela), torre do reloxo da catedral de Santiago de Compostela, panorámica de Compostela coa súa catedral; ciborio da catedral de Ourense,...), que acreditan unha exquisita producción, cunha técnica moi lograda.  


 


 Está exposta tamén unha colección de dibuxos a plumilla de varios lugares de A Guarda, realizados no ano 1998: Centro Cultural, marusía no porto, rúa Mendez Núñez, A Pasaxe, torre da igrexa parroquial de A Guarda, pico de San Francisco, santuario de San Roque (Salcidos), paisaxe do Monte Santa Trega,..., que poñen de relevo a sensibilidade do autor e seu saber ollar á beleza do noso pobo.

 Asemade, vemos tamén unhas caricaturas: tres dos industriais e ex alcaldes de A Guarda, Raimundo Lomba González, Raúl González Puebla, Manuel Díaz González "Ligero"; e unha de Emilio Areal Crespo, ex secretario do xulgado de A Guarda.

 Na mostra figura tamén o cartel do Día das Letras Galegas, de 1999, ano no que a Agrupación Cultural Guardesa adicoulle unha homenaxe a Emilio Alonso Freiría, que tivo lugar o 26 de maio dese ano, no salón de actos do Centro Cultural da vila. Tamén está o cartel e programa de man, da exposición antolóxica de óleos e caricaturas, da autoría de Emilio Alonso Freiría, celebrada na sala de exposicións do Centro Cultural.




 Están igualmente, un álbum de recortes de prensa, unha colección de nadaliñas (con debuxos e panxoliñas, da autoría de Emilio Alonso Freiría), boletíns do C.C. O Rosal e do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda, respectivamente; o carnet nº 1, do devandito club de maiores, a nome de Emilio Alonso Freiría, asinado por el, como presidente e socio desa entidade asociativa,... E figuran tamén tres orixinais de obras en prosa:  "En estrados. Audiencias jocosas", "Un paseo por La Guardia y sus aledaños. Visión romántica y aproximada del paisaje", e "Cajón de sastre", con debuxos e textos de Emilio Alonso Freiría.




 Asemade, os visitantes da exposición poden ver o título de corresponsal honorario no Val Miñor, outorgado polo Círculo Social Valle Miñor, de Buenos Aires, a Emilio Alonso Freiría "por su destacada actuación en pro de nuestra Institución (...)", en data 17 de abril de 1960, e asinado polo presidente José A. González, e polo secretario xeral Juan Carlos Lloret.




 Todo ese contido reflicte unha síntese do labor realizado por Emilio Alonso Freiría acreditando que seu paso vital por este mundo terreal non foi, nin moito menos, en van, senón todo o contrario, xa que contribuíu ao progreso de A Guarda e das súas xentes, como un veciño máis. Foi, sen dúbida, un guardés de corazón.

1 comentario:

  1. Muchas gracias Ricardo por las palabras tan bonitas que dedicas a mi padre. Milucha

    ResponderEliminar