Tomiño pechou as súas actividades de verán con máis de 520 horas de lecer
• Máis de 500 persoas participaron nas actividades programadas polo Concello de Tomiño, nas que investiu case 39.000 euros
• En total, 142 inscritas e inscritos beneficiáronse das bonificacións ofertadas
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño pechou a programación deportiva e infantil de verán con 520 horas ofertadas nun total de 12 actividades, nas que investiu case 39.000 euros. Máis de 500 nenos e nenas de entre 3 e 17 anos inscribíronse nos oito campus deportivos postos en marcha dentre o 3 de xullo ata o 1 de setembro, no que practicaron tenis, baloncesto, pádel, patinaxe, fútbol mixto, bádminton, ioga da risa e atletismo.
A infancia gozou ademais de dous campamentos, o Campamento Urbano no mes de xullo, desenvolto nas instalacións do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán, e o Campamento Musical no mes agosto, celebrado no Auditorio Municipal de Goián. O Concello ofreceu tamén cursos de piragüismo e paddle surf para persoas adultas.
A programación de verán, unha das ferramentas das que dispoñen as familias tomiñesas para lograr a conciliación laboral durante as vacacións escolares, incluía a posibilidade de beneficiarse dunha serie de bonificacións: un desconto para os irmáns empadroados en Tomiño, unha redución do 50% para persoas voluntarias do Concello de Tomiño e unha cobertura parcial ou integral para usuarios de Servizos Sociais. En total, 142 persoas participantes foron beneficiarias das bonificacións ofertadas, entre eles 28 cativos e cativas apoiadas polos Servizos Sociais.
Por outra banda, as actividades potenciaron durante a época estival a dinamización dos espazos dos que dispón o municipio, coma a Área Deportiva do Mosteiro ou a Fortaleza de San Lorenzo, de Goián. As características destes espazos permitiron achegar a práctica deportiva ao aire libre e o contacto coa natureza á rapazada, posibilitando o mantemento dunha rutina e continuando o seu desenvolvemento integral nos meses de vacacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario