2 de out. de 2023

A GUARDA

Mª MONTSERRAT MAGALLANES ÁLVAREZ PRESENTOU ESCRITO DE RENUNCIA A SÚA ACTA DE CONCELLEIRA POLO GRUPO MUNICIPAL DO PSdeG-PSOE


De esq. á der.: Lucia Trigo González (a nova concelleira, en canto tome posesión, probablemente no Pleno do mes de novembro), Fátima Rodríguez Marcos, que asume o cargo de portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no concello de A Guarda, e  Rafael Alvarez Martínez

Foto: GMS

Infogauda / A Guarda

 María Montserrat Magallanes Alvarez vén de facer público no día de hoxe que presentou escrito de renuncia a súa acta de concelleira  polo Grupo Municipal do Partido dos Socialistas de Galicia - PSOE (PSdeG-PSOE) no concello da Guarda, por motivos persoais. "Este escrito  entregouse despois de que o  pasado 30 de setembro se celebrase unha asemblea con militantes e simpatizantes socialistas no que se informou da decisión de Montserrat Magallanes de renunciar á acta de concelleira despois de case 25 anos de  presencia continuada na corporación guardesa. Nesa asamblea, Montserrat Magallanes agradeceu á Agrupación Socialista da Guarda e aos exalcaldes José Manuel Domínguez Freitas e Antonio Lomba Baz a confianza depositada nela e o orgullo por ter formado parte das listas socialistas ao longo destas últimas décadas.  

 Lucía Trigo González, que ocupaba o quinto posto da lista socialista nas últimas eleccións municipais, será a persoa que se incorporará á corporación guardesa unha vez que a renuncia se faga efectiva no próximo pleno que se celebre. Así mesmo, a concelleira Fátima Rodríguez Marcos  asumirá o cargo de  portavoz do Grupo Municipal Socialista na corporación.  

 Montserrat Magallanes tamén informou que seguirá como secretaria xeral da Agrupación Socialista de A Guarda. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario