8 de set. de 2023

VIGO

Proxección do documental 10 de marzo 

 Este sábado, día 9 de setembro, ás 19:30 horas, no auditorio do Concello de Vigo




Montserrat Carrera Leirós* / Vigo 

 O festival Primavera do cine proxecta esta semana 25 filmes galegos e lusófonos. Entre eles, o documental 10 de marzo, dirixido por Roi Cagiao e producido por Arthur Gordon no que colaboramos as Comisións Obreiras, o igual que o fixemos anteriormente co exitoso Vigo 1972. Será no auditorio do Concello de Vigo, o sábado, ás 19:30 horas. As entradas, que custan 4€, mercaranse na billeteira do auditorio que abrirá dúas horas antes.

 O 10 de marzo de 1972, a policía franquista dispara en Ferrol contra unha manifestación pacífica de traballadores, causando dúas mortes - Amador Rey e Daniel Niebla - e ducias de feridos de bala. Este acontemento, a súa repercusión internacional e o posterior proceso xudicial no que as vitimas son xulgadas, establecerá un antes e un despois para a sociedade galega na loita contra a ditadura.   

 O documental artéllase arredor de entrevistas a máis dunha ducia de protagonistas dos sucesos de Ferrol de 1972 entre os que se inclúen líderes sindicais da época no estaleiro Bazán (actual Navantia Ferrol), distintos dirixentes e activistas de CCOO e do PC, así como algúns dos denominados 'cregos roxos'.  

 Ademais das entrevistas, o filme constrúe o seu discurso narrativo a través de imaxes de arquivo, algunhas delas inéditas, e tamén dramatizacións.  

 Esta longametraxe tivo boísimas críticas e foi seleccionado entre outras, para participar no festival Cineuropa; tamén dentro do ciclo "Saíndo da fábrica" do Concello da Coruña; seleccionado pola SGAE Documental 2023; seleccionado na 12ª edición do FICIP - Festival Internacional de Cine Político de Arxentina; premio no Festival Internacional de cine Documental DOCA.


* Secretaria xeral da Unión Comarcal de CCOO de Vigo

Ningún comentario:

Publicar un comentario