19 de set. de 2023

TUI

Ciclo de conferencias e exposicións sobre Francisco Sánchez no cuarto centenario do seu falecemento 




Infogauda / Tui

 O médico e filósofo tudense Francisco Sánchez vai centrar un ciclo de conferencias e unha exposición esta semana en Tui, unhas actividades que a súa vez forman parte do programa ‘Setembro Xudeu en Tui’.  

 Este 2023 en Tui está dedicada a Francisco Sánchez, tal e coma acordou a corporación municipal de Tui en pleno, coincidindo co cuarto centenario do seu falecemento na cidade francesa de Toulouse. O médico e filósofo Francisco Sánchez naceu en Tui no ano 1550. Francisco Sánchez, que tivo de fuxir pola condición de “cristiáns novos” (descendentes de xudeus recentemente bautizados) cando era mozo, foi o autor dunha obra filosófica, “Quod nihil scitur”, que constitúe unha obra referencial do pensamento europeo do século XVI.  

 Dedicándolle este ano 2023 o Concello de Tui busca a divulgación da súa figura, obra e transcendencia, polo que organiza este pequeno ciclo de conferencias arredor da súa vida e obra que terán lugar no edificio Francisco Sánchez.  

 Así este mércores, 20 de setembro, ás 20 h celebrarase a conferencia “A cidade de Tui na vida de Francisco Sánchez: entre a renovación urbana e a chegada dos xudeoconversos”, por Suso Vila, historiador tudense de acreditada traxectoria na investigación especialmente no que atinxe á época medieval e á presenza de comunidades xudías e de cristiáns novos na nosa localidade.  

 O venres, 22 de setembro, ás 20 h o titulo da conferencia será “Francisco Sánchez médico”, por Rosendo Bugarín González, médico de ampla traxectoria e que ten investigado nos últimos anos sobre a obra médica do filósofo tudense e sobre a tese de doutoramento dedicada a Sánchez polo afamado médico tudense do século pasado, Darío Álvarez Blázquez.  

 A próxima semana, o mércores 27, tamén ás 20 h a conferencia prevista leva por título “Francisco Sánchez, un tudense universal”, por Laureano Alonso Álvarez, profesor de latín e grego no IES “San Paio” de Tui e que ten abordado recentemente a tradución integra ao galego da principal obra filosófica do tudense, o “Quod nihil scitur”.  

 Paralelamente estes días será inaugurada no Paseo da Corredoira unha exposición divulgativa sobre o pensador tudense Francisco Sánchez para contribuír á difusión da súa vida, obra e transcendencia entre veciñanza e visitantes.  

 Finalmente a finais de setembro será inaugurada outra exposición de carácter máis amplo sobre o médico e filósofo e que será itinerante para contribuír á divulgación e coñecemento deste egrexio tudense e galego tan descoñecido.  

 Para as concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez Álvarez, e de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, estas actividades inxeridas no programa do “Setembro xudeu en Tui” coinciden plenamente coa temática deste ano 2023 das “Xornadas Europeas da Cultura Xudía” centradas na “Memoria”. Recuperar a personalidade e a transcendencia da obra de Francisco Sánchez, membro dunha familia de ascendencia xudía, resulta sumamente acaído cos obxectivos destas xornadas.  

 A figura do pensador tudense protagonizará tamén diversas actividades, segundo anuncian as concelleiras tudenses, no mes de novembro, pois o día 16 dese mes é cando se cumpre o IV centenario do seu falecemento na cidade francesa de Toulouse o Concello de Tui realizará novas actividades para pechar este “Ano Francisco Sánchez”.  

Ciclo de Conferencias. Edificio Francisco Sánchez  

Mércores, 20 de setembro, ás 20 horas

A cidade de Tui na vida de Francisco Sánchez: entre a renovación urbana e a chegada dos xudeoconversos”, polo historiador tudense Suso Vila. 

Venres, 22 de setembro, ás 20 horas 

“Francisco Sánchez médico”, polo médico tudense Rosendo Bugarín González. 

Mércores, 27 de setembro, ás 20 horas 

Conferencia “Francisco Sánchez, un tudense universal”, polo profesor de latín e grego, Laureano Alonso Álvarez.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario