A Xunta de Galicia inviste máis de 94.000 euros no impulso da calidade das prazas de abastos do Baixo Miño
O delegado territorial visitou o Mercado Municipal de Tomiño, que recibiu unha axuda de 60.000 euros
Infogauda / Tomiño
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o mercado Municipal de Tomiño, onde a administración autonómica investiu máis de 66.000 euros como parte das axudas para o impulso dunha rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e rehabilitación das prazas de Abastos.
Este investimento fai parte dos preto de 94.000 euros que se destinaron a este fin en toda a comarca do Baixo Miño, e dos máis de 336.000 euros que se investiron na área territorial de Pontevedra.
En concreto, a Xunta de Galicia impulsará as obras do Mercado Municipal de Tomiño cunha partida de case 60.000 euros mentres que os 6.000 euros restantes irán para as reformas do mercado de Goián.
O delegado territorial percorreu o mercado e puido comprobar o motivo polo que conta co selo de mercado excelente. O novo financiamento servirá para mellorar a sección de peixerías, pintar os interiores, realizar pequenas labores de mantemento e adaptar a iluminación para mellorar a eficiencia enerxética do espazo.
Reguera aproveitou a visita para destacar o importante papel que seguen tendo os mercados e prazas de abastos de toda Galicia que “ademais de ser un lugar onde mercar os nosos produtos frescos, son un ben cultural que non debemos perder”. Ademais, destacou a labor da Xunta neste sentido que “segue apostando por modernizar estes espazos e fomentar a súa dinamización”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario