28 de set. de 2023

TOMIÑO

A mocidade tomiñesa pon a proba o seu talento co curso de Música Urbana  

 A OMIX de Tomiño organiza un obradoiro no que a rapazada poderá crear, gravar, mesturar e difundir a súa propia canción 



 

Infogauda / Tomiño 

 O Concello de arranca o curso escolar cun novo obradoiro da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño dirixido a mozas e mozos a partir dos 14 anos. A través da Concellería de Mocidade, o vindeiro sábado 7 de outubro comeza un curso de música urbana, unha forma de expresión artística a través da que a rapazada poderá abordar temas relevantes para a súa vida cotiá e desenvolver valiosas habilidades.  

 Este innovador obradoiro estará estruturado en catro sesións. Nas dúas primeiras abordaranse cuestións como a produción musical e a creación de letras, procurando sempre a participación do alumnado e o seu espírito crítico. Mentres, nas dúas seguintes, as persoas participantes gravarán a súa propia canción, que será mesturada para a súa posterior difusión. 

 O obxectivo deste obradoiro é fomentar a conciencia crítica da mocidade e potenciar as súas competencias creativas, lingüísticas e musicais, así como fomentar o seu desenvolvemento persoal e social. “Comezamos o curso escolar cun novo obradoiro da nosa OMIX que busca proporcionar á mocidade tomiñesa un espazo no que expresarse, aprender e seguir desenvolvendo todas as súas habilidades”, salienta a alcaldesa, Sandra González.  

 O curso impartirase os sábados 7, 14, 21 e 28 de outubro de 10.30 a 13.30 horas na Praza Cultura (antigo Mercado de Goián). O prezo da inscrición é de 15 euros. As persoas interesadas poden inscribirse xa a través da web do Concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario