27 de set. de 2023

TOMIÑO

Concello e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), investirán 1,5 millóns na creación dun sendeiro peonil no río Pego  

• A alcaldesa, Sandra González, e o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, asinaron o convenio de colaboración  


A alcaldesa, Sandra González, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinaron o convenio de colaboración para a posta en marcha deste proxecto

Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Paso adiante na creación dun sendeiro peonil paralelo ao río Pego que permita unir o núcleo de Tomiño co sendeiro xa existente no Miño. A alcaldesa, Sandra González, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinaron o convenio de colaboración para a posta en marcha deste proxecto que ademais de xerar novos espazos de lecer permitirá mellorar a depuración no municipio. 

 Sandra González salientou que esta colaboración “é o froito dun ano de arduo traballo por parte do Goberno municipal para conseguir que Tomiño aumente o número de sendas para o goce da veciñanza, mellorando a conectividade e a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”. 

 O proxecto contempla un investimento de máis de 1,5 millóns de euros en tres anualidades, dos que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil financiará o 80% e o Concello de Tomiño o 20% restante. 

 Ademais da construción deste sendeiro paralelo ao río Pego, a través deste convenio de colaboración levaranse a cabo as actuacións necesarias para dar solución á problemática de saneamento do colector xeral que vai pegado ao río Miño, que discorre por Dominio Público Hidráulico e que se atopa en mal estado de conservación. “Deste xeito rematarase coas infiltracións detectadas e reduciranse as achegas de augas pluviais e de auga limpa procedente do río, o que mellorará moito a depuración”, explicou a alcaldesa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario