1 de set. de 2023

PATRIMONIO

Así se atopou a nova mina romana da Serra de Cabanas, entre San Xoán de Río e Ribas de Sil


Os cinco exploradores que atoparon a mina romana de Furados: Ana Belén, Sergio, Iván, Marco e o xeólogo Óscar Pazos 

Foto: Ana Belén Treinta

Redacción /San Xoán de Río (Ourense)

 O pasado domingo 27 de agosto, o xeólogo Oscar Pazos, de Vigo; os afeccionados Ana Belén Treinta e Sergio Fernández, de A Guarda; e os irmáns Iván e Marco Pillado, veciños de San Xoán de Río, foron na busca dunha pequena e esquecida mina galaico-romana na vertente norte da Serra de Cabanas, entre San Xoán de Río e Ribas de Sil, unha serra ameazada, ademais, pola construción dun gran parque eólico.  

 O obxectivo do día era comprobar a existencia desta mina e poder solicitar a súa inclusión no catálogo de Bens Culturais da Xunta de Galicia como xacemento arqueolóxico. Os concellos da beira sur do río Sil gardan un patrimonio arqueolóxico, natural e etnográfico extraordinario, mais moi mal documentado e en risco de perderse para sempre, e nesta altura a ameaza inmediata é un mega-proxecto eólico administrativamente agochado baixo dous polígonos independentes, o PE Ventumelo e o PE Treboada.

 A existencia na cartografía da zona do topónimo ‘Furados’ xusto no liñamento entre as explotacións dos Biocos -San Xoán de Río- e o Burato do Lobo – Ribas de Sil- deu o indicio da posible mina galaico-romana, e a cartografía de pendentes axudou a localizar a corta, mais faltaba chegar ao lugar para comprobalo. Baixando pouco máis de 1 km do Alto de Cerengo por un corta-lumes con pendentes que podían chegar ao 100%, a parte realmente dificil estivo nos últimos 500 metros, nos que o grupo tivo que achar un camiño entre o mato e o rochedo do fragoso val do Cerengo. Após tres horas facendo camiño entre o mato e sorteando os riscos, o grupo localizou  a corta, entrando na mina galaico-romana.  

 Malia sexa de modo orientativo, pois a mina está cuberta por unha mesta vexetación e apenas poden verse cachos das cortas, a cavada tería a forma dunha cullerada cadrada duns sesenta metros de lado, afondando pouco máis de cinco na ladeira do Cerengo, a uns 800 metros de altitude. Sería pois máis cativa cas veciñas cortas do Burato do Lobo, porén, de momento non hai que desbotar a existencia de galerías ou pozos de minaría subterránea.


Corta da mina de Furados, en San Xoán de Río. Neste punto pode haber 4 metros onde se observan os traballos da minería romana

 Furados confirma o interese mineiro que hai dous mil anos espertou o liñamento de Os Biocos-Burato do Lobo, que atravesa a Serra de Cabanas en dirección N50 e suma xa 5 explotacións grandes e miúdas en 5 km: Os Biocos, en San Paio das Cabanas, Tapada das Lagoíñas, Furados, Burato do Lobo e Cadeladas, xa na parroquia de San Cristovo de Piñeira. E de seu, esta pequena explotación constitúe outra valiosa peza na reconstrución do gran ciclo mineiro galaico-romano do ouro, un suceso fundamental nas orixes da Galiza mais tamén de gran importancia para a historia do propio Imperio romano, fundadas provincia e Imperio prácticamente ao tempo polo emperador César Augusto.

Fonte: Historia de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario