O Sergas deixa sen ningunha facultativa o Centro de Saúde de Cangas ao tempo que continúa co recorte dunha médica en Urxencias
Óscar Graña / O Morrazo
A CIG denuncia que ao recorte dunha médica no PAC de Cangas de forma sistemática, pasando así de 3 médicas que deberían estar prestando servizo a tan só 2, haille que sumar na tarde de hoxe a falta total de persoal facultativo no Centro de Saúde de Cangas.
Este feito supón que todas as consultas médicas programadas quedan totalmente canceladas tendo que realizarse unha “reasignación para cando resulte posible”, o que supón, na práctica, o peche do Centro de Saúde. Ademais, esta falta de persoal provoca que as dúas médicas do PAC de Cangas terán que asumir hoxe a atención de todas as citas da tarde que non poidan ser adiadas, as urxencias e emerxencias de toda a veciñanza de Cangas e de Moaña e as de toda a poboación visitante que se atopa estes días na comarca coincidindo coas Festas do Cristo.
Esta forma de proceder da “Xerencia Área Sanitaria de Vigo” representa, para a “Unión Local do Morrazo da CIG”, un auténtico recorte sanitario, posto que lonxe de ser unha situación eventual, trátase dun feito continuado no que se está a amortizar unha praza médica. Estase a sobrecargar perigosamente o traballo do persoal, o que supón un castigo en toda regra por facer pública a grave situación existente fronte ás mentiras do Sergas e tamén se está a poñer en perigo aos pacientes por retrasos inevitables na asistencia.
Compre lembrar, que resulta unha situación habitual o feito de que o equipo médico de urxencias teña que saír do centro sanitario para atender unha emerxencia, quedando así unha única médica, ou incluso ningunha, para asistir aos usuarios que cheguen ao PAC.
Pese a isto, a postura oficial do Sergas segue a ser que “a situación esta totalmente controlada, que a asistencia está plenamente garantida e que se trata de situacións puntuais ou sobrevenidas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario