19 de set. de 2023

O ROSAL

Rosalía de Castro desembarca co seu herbario literario no Rosal  

O Salón de Exposicións acolle unha mostra con 40 imaxes de plantas e flores que rende homenaxe á obra rosaliana e a súa unión coa natureza  



 

Infogauda / O Rosal

 Rosalía de Castro chega ao Rosal co seu particular herbario. O Salón de Exposicións do Concello acolle a mostra ‘O Herbario de Rosalía’, unha mostra con 40 imaxes do herbario literario realizado polas profesoras María López Sández e Isabel Fraga, da Universidade de Santiago de Compostela, con fotografías de Miguel Fraga, nunha homenaxe á obra rosaliana e á unión da literatura coa natureza. 


O Salón de Exposicións do Concello acolle a mostra ‘O Herbario de Rosalía’
Fotos: C.O.R.

 

 Nesta mostra da Casa de Rosalía e da Deputación de Pontevedra amósanse imaxes de flores e plantas moi vencelladas á obra da autora máis destacada e universal da cultura galega, o herbario que as profesoras imaxinaron que podería ter feito Rosalía durante os seus paseos na natureza dos que tango gustaba e que inspiraron os seus versos.  

 A mostra está dividida en catro seccións: rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores e plantas e especies comestibles. Cada unha das seccións da exposición vai acompañada dun panel explicativo no que se desenvolve a importancia desa serie na obra de Rosalía e un vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalía e a proxección da totalidade dos 150 pregos dos que consta o herbario das autoras. 

 A mostra estará ata o vindeiro 1 de outubro no Rosal para achegar ao público a unha exposición que busca ser “unha ofrenda á autora á que tanto debemos, que nos ensinou a mirar a paisaxe galega doutra maneira”, como sinalan as autoras. A exposición xurdiu no marco dun proxecto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela no que as investigadoras fixeron un baleirado completo da obra poética e en prosa de Rosalía de Castro para localizar a totalidade das plantas e flores mencionadas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario