11 de set. de 2023

O ROSAL

A Federación Galega de Motonáutica imparte no Rosal un curso para obter a licencia de navegación  

As persoas interesadas poden xa inscribirse enviando un correo a aedl@orosal.gal ou chamando ao 986 62 50 00  


Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 A Real Federación Galega de Motonáutica en colaboración co Concello do Rosal e co Club Náutico Inclusivo Baixo Miño impartirá un curso para obter a licencia de navegación, a titulación que permite gobernar motos náuticas sen limitación de potencia e embarcacións de recreo de ata 6 metros de eslora e unha potencia de motor axeitada segundo a empresa fabricante.  

 As persoas interesadas en participar poden inscribirse xa enviando un correo electrónico ao enderezo aedl@orosal.gal ou chamando ao 986 62 50 00. En canto haxa conformado grupo, o Concello porase en contacto con todas as persoas participantes para establecer día e hora da formación.  

 O curso, que será de balde, consistirá nunha parte teórica que se impartirá en instalacións municipais e noutra prácticas que se desenvolverá no río Miño pola zona do Rosal e que contará cunha embarcación adaptada para aquelas persoas inscritas con mobilidade reducida.  

 O Club Náutico Inclusivo Baixo Miño é una asociación nacida en 2022 para achegar, facer accesible e iniciar ás persoas con discapacidade nos deportes náuticos como actividade de lecer, preparalas para a obtención de titulacións e animalas a practicar deporte adaptado federado de competición. Ademais de contar con dous pilotos que participan en competición internacionais, Sergio Pereira e Eugenio Norberto, o club imparte cursos de formación, organiza diferentes eventos deportivos e participa en programas de sensibilización para a mellora da accesibilidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario