A CIG convoca concentracións nas Inspeccións de Traballo para que se obrigue as empresas a garantir a igualdade retributiva
Infogauda / A Coruña
A Secretaría das Mulleres da CIG ten convocadas concentracións para mañá, día 26 de setembro, ás 12:00 horas, diante das Inspeccións Provinciais de Traballo:
• A Coruña: rúa Gaiteira, 54-56.
• Vigo: Avda. Cánovas del Castillo, 18.
• Lugo: Ronda da Muralla, 58.
• Ourense: Parque de San Lázaro, 12.
O obxectivo destas concentracións (que se insiren na campaña iniciada no mes de maio baixo o lema “Imos rematar coa fenda salarial”) é denunciar as empresas que non entregaron o rexistro retributivo de 2022 e exixir deste Organismo que as obrigue a cumprir coa lexislación en materia de igualdade.
A Secretaría das Mulleres lembra que o artigo 28.2 do Estatuto das persoas traballadoras estabelece a obriga de todas as empresas a levar un rexistro cos valores medios dos salarios, os complementos salariais e as percepcións extrasalariais do seu cadro de persoal desagregados segundo o sistema de clasificación profesional aplicábel na empresa. E que o artigo 5 do RD 902/2020, estabelece as normas xerais sobre o rexistro retributivo que terán que seguir as empresas.
Porén, a maior parte das empresas nin realizaron esta consulta previa nin achegaron á representación legal das persoas traballadoras información a respecto do rexistro retributivo do ano 2022, ocultando información relativa aos salarios percibidos por mulleres e homes, e por tanto, evitando abordar e detectar posíbeis fendas salariais.
Por iso, alén de denunciar o incumprimento reiterado da normativa en materia de igualdade por parte da patronal tamén se reclama da Inspección de Traballo que actúe de inmediato para obrigar ás empresas a cumprir co principio de igualdade retributiva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario