24 de set. de 2023

A GUARDA

ANABAM: CONTA ATRÁS PARA POÑER EN MARCHA OUTRO DOS PROXECTOS MÁIS AMBICIOSOS    

 Denominado Plan de Asentamento e Conservación da Aguia Peixeira no Baixo Miño (PACAPBAM)


Grupo de persoas membros da Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), reunidas na sede desta entidade conservacionista

Asociación Naturalista "Baixo Miño" / A Guarda

 Hoxe, domingo 24 de setembro, reunímonos no local de ANABAM, un grupo de persoas membros desta entidade conservacionista, para tratar da instalación de dous niños de aguia peixeira na marisma de Salcidos. Este é outro dos ambiciosos proxectos de ANABAM que será pioneiro na Comunidade galega e que imos tentar poñelo en marcha neste vindeiro mes de outubro. O proxecto consiste na instalación de dous postes dunha altura duns seis metros. Na parte superior terá unha peana para a instalación do niño, así como un pousadoiro situado metro e medio máis alto. Ademais, está previsto instalar na parte superior dun dos niños unha cámara que envíe fotografías e/ou vídeos en tempo real.        

 Este proxecto, denominado Plan de Asentamento e Conservación da Aguia Peixeira no Baixo Miño (PACAPBAM), leva xestándose nesta asociación conservacionista máis de tres anos e, por fin, temos xa tódolos permisos (Comunidade de Montes de Salcidos - A Guarda-, Servizo Provincial de M.A. -Xunta de Galicia-, Servizo Provincial de Costas -MITECO-), logo de presentar o proxecto.      

 Que sexan ocupados pola aguia pesqueira estes niños é cousa nada fácil, pero dende ANABAM imos facilitarlle esa posibilidade. Tampouco podemos descartar que outras aves puideran utilizar os niños (caso, por exemplo, dalgunha parella de cegoñas). Veremos que da de si, nestes próximos anos, este ilusionante proxecto que, de seguro, non deixará indiferente a ninguén, especialmente aos afeccionados e estudosos da ornitoloxía e, por suposto, aos amantes da natureza, teña ou non éxito.    

 Finalmente, ANABAM baralla en primeira instancia dedicar un presuposto duns 3.000 euros para a posta en marcha do mesmo, polo que, dende esta asociación, agradécese calquera donativo para esta finalidade. As persoas interesadas en colaborar economicamente no proxecto, poden poñerse en contacto con ANABAM a través do WhatsApp: 616 180 557. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario