Galicia conta cun documento pioneiro para protexer o seu patrimonio marítimo que propón 100 medidas a aplicar ata 2030 para preservalo e poñelo en valor
O Plan da Cultura Marítima de Galicia. Horizonte 2030 fai unha profunda análise da tipoloxía de bens inmobles, mobles e patrimonio inmaterial existente na comunidade co obxectivo de avanzar no seu coñecemento e darlle difusión nacional e internacional
Este traballo -realizado ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Consellería do Mar, a Universidade da Coruña e a súa fundación- pretende converterse nunha guía e punto de partida para que o conxunto da comunidade actúe de xeito coordinado na conservación dos vestixios do seu pasado e presente marítimo-pesqueiro
O Executivo galego analizou un plan que enumera os múltiples oficios vencellados co mar en Galicia, repasa o seu vasto patrimonio marítimo, expón medidas que servirían para preservalo e destaca espazos singulares representativos da súa cultura mariñeira
Infogauda / Galicia
A Consellería do Mar presentou hoxe ao Consello da Xunta o Plan da Cultura Marítima de Galicia. Horizonte 2030, un documento único e pioneiro tanto a nivel nacional como internacional no que ten que ver co patrimonio marítimo e coas posibilidades de protexelo e conservalo para que chegue ás vindeiras xeracións. Este documento -froito dun intenso traballo e de consultas a persoas e entidades de todo o litoral- fai unha profunda análise da diversidade de bens inmobles, mobles e patrimonio inmaterial existente na comunidade e recolle 100 medidas a aplicar antes do ano 2030 que contribuirían a avanzar no seu coñecemento, preservalo e poñelo en valor tanto en Galicia como no exterior.
Este traballo, realizado ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Consellería do Mar, a Universidade da Coruña (UDC) e a súa fundación (FUAC), pretende converterse nunha guía e nun punto de partida para que o conxunto da comunidade -as distintas institucións e entidades- actúe de xeito coordinado para protexer o seu pasado e presente mariñeiro e evitar que quede no esquecemento.
O plan é de suma importancia tendo en conta que Galicia conta con máis de 1.600 quilómetros de costa, tres provincias con mar e máis da metade da poboación (preto do 55%) vive no litoral. Esta situación fixo que as actividades vencelladas co mar definisen un gran número de oficios e o propio modo de vida da xente, dando lugar a unha cultura característica e de gran valor. Por iso, o plan pretende converterse nun instrumento capaz de favorecer a xestión integral deses vestixios e dalos a coñecer fóra da comunidade.
O documento, elaborado por un equipo liderado polo profesor Óscar Fuertes, fai unha radiografía da demografía litoral de Galicia e da súa cadea mar-industria destacando os arredor de 40.000 empregos directos que dependen dela así como os múltiples oficios, tanto no pasado como agora, vencellados co mar. Aos mariñeiros, mariscadores, percebeiros, acuicultores ou bateeiros engádense os operarios da conserva, afumadores, baleeiros, salgadores, muiñeiros, carpinteiros de ribeira, torneiros, redeiras, fareiros ou barqueiros, entre outros moitos.
O Plan da Cultura Marítima de Galicia tamén fai un repaso pola variedade de bens inmobles, bens mobles e patrimonio inmaterial cos que conta a comunidade. Entre as construcións están estaleiros e carpinterías de ribeira, fábricas de conserva e salgadura, casetas de pescadores e lavadoiros de redes, vivendas mariñeiras, peiraos, embarcadoiros, faros, lonxas, cemiterios, ermidas ou santuarios e restos arqueolóxicos, entre outros moitos.
Nos bens mobles están as artes de pesca, as ferramentas empregadas polos distintos profesionais do mar, útiles de cestaría, vestimenta e calzado, partes de barcos afundidos e embarcacións tradicionais. No patrimonio inmaterial inclúense cuestións como as festas -populares, gastronómicas e relixiosas-, a tradición oral e o folclore a través de adiviñas, cancións, contos, lendas, refráns ou léxico marítimo, a cociña mariñeira, as mostras de arte, a iconografía mariñeira, os museos ou os propios oficios do mar.
O documento encargado pola Xunta tamén fai unha análise das fortalezas, oportunidades, debilidades e ameazas para o patrimonio marítimo de Galicia e destaca, entre outras, cuestións positivas como a existencia de abundante patrimonio somerxido, de artes de pesca tradicionais sustentables, dun gran número de museos do mar e de moitos oficios tradicionais que aínda persisten. Estes aspectos, engade, poden supoñer grandes oportunidades se se afonda na aposta por eles.
Obxectivos estratéxicos
Unha vez feita esa profunda análise, o plan establece catro grandes obxectivos estratéxicos con 100 proxectos ou accións para levar a cabo ata 2030 cos que preservar e activar a cultura marítima galega. O primeiro deles céntrase en conservala e promovela en diversos ámbitos e como eixe de cohesións social apostando por 39 medidas como un estudo das rías, ríos e paisaxes marítimas, a elaboración dun atlas virtual do patrimonio marítimo galego ou dun dicionario da cultura marítima.
O segundo obxectivo estratéxico busca a converxencia das institucións, recursos e axentes a través de 25 accións como a creación dun observatorio da cultura marítima, a dixitalización de documentación histórica das confrarías ou a organización dunha gan mostra da cultura marítima. O terceiro aspira a potenciar o desenvolvemento do sector produtivo das empresas tradicionais do mar con 23 proxectos como un selo da cultura marítima, a formación profesional neste eido e a creacións de programas laborais.
O cuarto obxectivo estratéxico incide en estender o coñecemento da cultura marítima a nivel nacional e internacional mediante 13 iniciativas como a creación de grupos de investigación, a posta en marcha dun programa de promoción no exterior e o liderado dunha Rede Europea de Entidades de Patrimonio Marítimo.
O plan conta tamén cun anexo que pon en valor determinadas zonas do litoral galego que salientan por conservar as características orixinais e elementos singulares vencellados co mar ao non terse visto sometidos aos procesos de urbanización e industrialización do litoral. Estas zonas -denominadas áreas nai- que teñen núcleos urbanos e unha identidade especial son: Rinlo, Espasante (Ortigueira), Mugardos, Redes (Ares), Quilmas (Carnota), Muros, a enseada de Broña (Outes), a zona da Secada-Touro (Ribeira), Combarro (Poio) e A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario