BALONMAN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés inicia a tempada 2023/24 en Navarra, fronte ao Beti-Onak
• O equipo do Baixo Miño mídese ao navarro no primeiro partido de Liga
• O encontro disputarase este sábado día 2 de setembro, ás 18:00 horas no Polideportivo municipal Irmáns Induráin
• Cristina Cabeza: “As sensacións da pretemporada son boas, a pesar de tantos cambios no persoal”
Redacción / Deportes
O Mecalia Atlético Guardés comezará este sábado, día 2 de setembro, ás 18:00 horas, a súa andaina na tempada 2023/24. Farao no Polideportivo municipal Irmáns Induráin de Villava (Navarra), onde se medirá ante o Replasa Beti-Onak, un equipo contra o que xa se enfrontou na fase preparatoria, no Torneo Villa de Gardo. O conxunto miñoto saíu entón vitorioso do envite. Toca ver que pasa en Liga.
O Mecalia Atlético Guardés partiu onte cara a terras navarras. Cristina Cabeza viaxa con 14 xogadoras para afrontar este primeiro partido do novo curso. Será a estrea da adestradora madrileña dirixindo ao Mecalia en Liga regular e o primeiro test oficial vestindo as cores de A Guarda para oito dos nove fichaxes que o club asinou este ano. Deles, a única ausente será a brasileira Andreza Almeida, que se atopa aínda fóra de España. Tampouco xogará a catalá Júlia Nuez, que continúa recuperándose da rotura de cruzado, unha lesión que a manterá fóra da pista ata finais de ano.
O conxunto do Baixo Miño arrinca a liga tras unha pretemporada frenética que supuxo a incorporación de moitas caras novas. Con todo, os cambios no equipo non frearon a súa competitividade. O cadro que dirixe Cristina Cabeza soubo adaptarse e culminou a fase preparatoria conquistando a Supercopa de Galicia fronte ao Porriño. O Mecalia Atlético Guardés proclamouse vencedor do derbi galego en O Gatañal (Cangas) pese ao cansazo que arrastraban as xogadoras tras xogar os dous días anteriores o torneo Summer BAG Experience na localidade leonesa de Villacelama.
O Mecalia esforzarase por manter a boa serie do equipo neste novo curso e facer gozar aos seus seguidores do mellor balonmán.
Cristina Cabeza: “As sensacións da pretemporada son boas, a pesar de tantos cambios no persoal”
A adestradora, Cristina Cabeza, asegura que “as sensacións da pretemporada son boas, a pesar de tantos cambios no persoal. O equipo traballou moi ben, con moita intensidade ao longo da pretemporada e vanse vendo cousas moi interesantes”.
Cabeza explica que o persoal “está ben fisicamente. Recuperámonos ben despois da maratón de partidos da fin de semana pasada. Temos moitas ganas e moita ilusión de empezar a nova tempada”.
Deste xeito, afirma que “chegamos nun bo momento de forma ao comezo de Liga”. Con todo, recoñece que “Beti-Onak é un equipo que na súa casa, a tempada pasada, plantoulle cara a todo o mundo. Sabemos que é un partido moi complicado, que imos ter que estar moi concentrados os 60 minutos se queremos conseguir unha vitoria”.
AXENDA
Liga Guerreiras Iberdrola
Xornada 1
Replasa Beti-Onak – Mecalia Atlético Guardés
Sábado, 2 de setembro
18:00 horas
Polideportivo municipal Irmáns Induráin (Villava, Navarra)
En directo, pola canle de YouTube do Club Deportivo Beti-Onak.
Ningún comentario:
Publicar un comentario