25 de set. de 2023

CANGAS DO MORRAZO

O Sergas carga contra as súas médicas en Cangas negándose a substituír ao persoal de urxencias 


Ambulancias do 061 na porta do PAC de Cangas de noite
Foto: CIG


Infogauda / Cangas do Morrazo

 Lonxe de solucionárense os problemas da falta de persoal médico no PAC de Cangas co remate do verán, os problemas continúan producíndose novamente polas faltas de cobertura durante o mes de setembro e a situación nos vindeiros meses podería empeorar.  

 Mais a fin de semana pasada, produciuse un feito sen precedentes na política de persoal da Xerencia de Vigo, cando segundo denuncia a Unión Local do Morrazo da CIG, o Sergas negouse a activar ao persoal médico que está designado par as coberturas que poidan xurdir pertencente a un sistema denominado como “lista de médicos localizados”.  

 Deste xeito, segundo denuncia o sindicato nacionalista, o Sergas negouse por medio do directivo de garda a enviar ao médico dispoñible para realizar a cobertura do sábado pola noite, pese a estar percibindo unha remuneración para este fin. Quedando novamente 2 médicas de 3 no PAC de Cangas pese a estar encargadas de atender tamén á poboación limítrofe de Moaña.  

 Cada vez queda máis evidenciado que as verdadeiras intencións do Sergas son as de eliminar unha praza de médica, aproveitando a reunificación dos servizos de Urxencias de Moaña e Cangas, e aumentar a presión asistencial sobre o seu persoal como castigo por denunciar publicamente as carencias na asistencia urxente que padece a poboación do Morrazo.  

 A CIG-Saúde solicitará explicacións na mesa sectorial á Xerencia de Atención Primaria de Vigo sobre o ocorrido e esta mesma semana enviará unha carta dirixida aos seus responsábeis solicitando información por escrito ao respecto do ocorrido.  

 Mentres tanto, dende a Unión Local do Morrazo da CIG solicitarán unha nova reunión coa alcaldesa cumprindo co seu compromiso de informar sobre a situación sanitaria do Concello, na que pediran que se exerzan todas as accións que considere necesarias para obrigar ao Xerente da Area Sanitaria a cumprir as súas promesa de reunirse coa alcaldía para dar as explicacións necesarias e para recibir as peticións de mellora de primeira man.

Ningún comentario:

Publicar un comentario