Esta mañá na Subdelegación do Goberno
Maica Larriba explicoulles aos alcaldes de Arbo, Covelo, Salvaterra e A Cañiza a reordenación dos servizos da Garda Civil nas súas localidades
O plan foi deseñado pola propia Garda Civil co fin de achegar as patrullas á rúa “que é onde o cidadán nos demanda a súa presenza”
Infogauda / Pontevedra
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, acompañada polo tenente coronel da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, reuniuse esta mañá cos alcaldes de Arbo, Covelo, Salvaterra e A Cañiza, para explicarlles a reordenación dos servizos da Garda Civil nas súas respectivas localidades. A subdelegada informoulles de que, ante a necesidade de reforzar a presenza das patrullas percorrendo estes municipios e, debido á escasa efectividade de manter os cuarteis abertos de luns a venres pola ausencia de denuncias e demais aspectos burocráticos, procedeuse a fixar uns determinados días de atención ao público nos catro cuarteis, e manter no resto das xornadas aos equipos da Garda Civil que antes permanecía nas oficinas reforzando a seguridade nas rúas.
Como indicou Maica Larriba, esta reorganización foi deseñada pola propia Garda Civil de maneira moi meditada tras estudar os datos e estatísticas dos devanditos municipios. Estes datos reflicten que entre xaneiro e maio de 2023 o número de denuncias tramitadas nestes concellos non chega a ser nin unha diaria, con varios casos nos que non se supera unha denuncia rexistrada cada catro días.
Así, foi o máximo responsable da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, quen detallou ante os alcaldes un plan cuxo obxectivo principal é achegar a Garda Civil á cidadanía e mellorar a seguridade. No encontro informouse de que o número de teléfono 062 da Garda Civil segue permanentemente activo favorecendo que, ao ter máis patrullas a pé de rúa, o servizo de atención ao cidadán en caso de emerxencia sexa tamén máis rápido e sinxelo.
A reordenación de servizos da Garda Civil comezou a funcionar a partir do día 1 de xullo e as primeiras cifras demostran que nalgunhas localidades o número de patrullas na rúa duplicouse, mentres que o número de denuncias tramitadas segue sendo o mesmo que anteriormente á reorganización, sen superar nalgunhas localidades as dúas denuncias tramitadas ao mes.
Maica Larriba incidiu en que se trata “dun proxecto trazado pola propia Garda Civil en base a análise minuciosa dos datos, que pretende que a cidadanía teña unha percepción clara de que a Garda Civil está na rúa, nas aldeas e nas vilas, garantindo unha maior seguridade, que é o que verdadeiramente nos preocupa”.
Con todo, a subdelegada do Goberno fixo fincapé en que “Arbo, Covelo, Salvaterra e A Cañiza son catro municipios moi seguros e cun índice de delincuencia moi por debaixo da media provincial, o que precisamente fai que busquemos reforzar a presenza dos axentes no espazo público, que é onde o cidadán nos demanda a súa presenza, pois antes podía estar o cuartel aberto, pero non haber patrulla na rúa”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario