A Guarda acollerá do 28 ao 30 de xullo a XVIII Festa do Peixe Espada con música, gastronomía e tradición mariñeira
• O evento impulsado pola Organización de Palangreiros da Guarda converteuse nunha das citas de referencia do verán en Galicia, tanto pola variedade das actividades organizadas como pola beleza da localidade e a súa contorna.
Mar Bermúdez / A Guarda
Quince restaurantes colaboran nesta décimo oitava edición da Festa do Peixe Espada con elaboracións que van desde tapas a menús, todas elas a prezos populares e co peixe espada como centro de todos os pratos. Milanesa, zorza, salpicón, tartar ou croquetas son algunhas das receitas que os veciños e os visitantes poderán degustar a próxima fin de semana grazas á tradicional celebración gastronómica organizada por Orpagu.
Un ano máis, o “turismo mariñeiro” a bordo do volanteiro tradicional “Piueiro” será unha das estrelas do programa cultural da Festa. E dada a súa popularidade, os membros da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro puxeron ao dispor dos interesados un teléfono (986 61 45 65) para anotarse ou tamén se pode facer a través da Oficina de Turismo do Concello de A Guarda. Tanto as viaxes a bordo do “Piueiro” como as exposicións, obradoiros e concertos son totalmente gratuítos.
Por outra banda, e ademais dos pasacalles que animarán A Guarda durante a fin de semana, a música tamén terá o seu protagonismo o sábado a partir das 19.30, na praza Avelino Vicente, cun concerto a cargo de “Castro y los Escoltas”.
A celebración, que comeza o venres 28 de xullo, acabará o domingo cun percorrido musical a cargo do grupo folclórico Trebón dos Xidos que comezará o seu pasacalles ás doce do mediodía na praza de Avelino Vicente, para acabar no porto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario