7 de xuño de 2023

O ROSAL

O Rosal quenta voces para o IX Concerto Coral Ecos do Verán  

O sábado 10 de xuño, ás 20.30 horas,  o auditorio municipal acollerá unha nova edición deste encontro de corais 




Infogauda / O Rosal

 O Rosal quenta voces para acoller un ano máis o Concerto Coral Ecos do Verán, organizado polo coro ‘Ecos do Folón’, de Fornelos, e que chega á súa novena edición cun programa por todo o alto. A actuación será este sábado 10 de xuño ás 20.30 horas no auditorio municipal - con entrada de balde -, onde o coro rosaleiro estará acompañado da Coral ‘Regia’ de Santovenia de Pisuerga (Valladolid) e da Coral Polifónica ‘Lira’ de San Miguel de Oia, unha coral viguesa nada no 2000 impulsada polas inquedanzas culturais dun veterano grupo de incondicionais da banda de música da Agrupación Musical Lira.  

 A Coral Polifónica ‘Ecos do Folón’ naceu no ano 2008 como unha actividade social, aínda que pouco a pouco comezou a camiñar soa e xa no ano 2012 fundou a súa propia asociación músico-cultural. Dos 17 compoñentes iniciais a coral foi medrando ata chegar ás actuais 30 voces mixtas, todas elas persoas de grande afección polo canto pero sen coñecementos musicais, polo que o seu labor ten un gran mérito.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a gozar deste concerto único no que as corais sorprenderán ao público co seu variado repertorio, que incluirá dende temas tradicionais, habaneras, rancheiras, valses, boleros ou zarzuela. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario