25 de xuño de 2023

DEPORTES

 ATLETISMO

Nunha carreira para á lenda

ÁLEX SIERPES PEREIRA: CAMPIÓN DE ESPAÑA DOS 1.500 METROS OBSTÁCULOS EN PISTA AO AIRE LIBRE, NA CATEGORÍA SUB-16

E ademais, récord do campionato, récord de España e récord autonómico

A Real Federación Española de Atletismo (RFEA)  concedeulle a máxima distinción como o mellor da historia dos 1.500 metros obstáculos de pista ao aire libre, nesa categoría


Álex Sierpes Pereira, campión de España dos 1.500 metros obstáculos en pista ao aire libre, na categoría Sub-16



Sociedade Atlética do Trega / Redacción Deportes

 Esta fin de semana, os días 24 e 25 de xuño de 2023, a localidade alacantina de La Nucía, albergou o campionato nacional para os atletas cadetes. 

 Para poder acceder a este gran campionato non é nada fácil, xa que as mínimas esixidas son cada vez máis duras e esixentes como vén sendo costume, tan só apto para algúns privilexiados do panorama nacional. Entre eles figuraba Álex Sierpes Pereira, a perla guardesa, pertencente á Sociedade Atlética do Trega (Tomiño). 

 Álex chegou a ese evento como líder da clasificación nacional na modalidade dos 1.500 metros obstáculos. O plusmarquista galego afrontou ás 21:15 horas de onte sábado a final directa con 18 participantes de máximo nivel da xeografía ibérica, onde a volveu a lear de novo, cada vez que sae a unha pista de atletismo. 

 A proba presaxiaba algo histórico e así foi. Desde o inicio da mesma o noso atleta saíu moi forte, comandando toda a carreira ata falta de 300 metros onde tan só foi superado nese instante polo atleta catalán Pere Ferrus, o cal o apertou poñéndolle as cousas moi difíciles ata falta dos 150 metros, encarando o último paso da ría emparellados. Pero Álex non se rendeu saíndo como un mísil da ría. Entrando moi forte, e con moita potencia buscando rápido os apoios fora da auga, tomando a media lúa de ti a ti, encarando a contra-recta como unha bala, dando un recital neses últimos cen metros acabando por baixo dos 13", asombrando ao atletismo español da súa xeración, entrando en meta cun tempo extraterrestre de 4´12"15. Un rexistro que lle supuxo unha mellora para a súa biografía atlética, consagrando o seu nome no selecto grupo de ilustres no palmarés da disciplina, tras facerse coa vitoria que lle outorgaría o campionato de España. Ao mesmo tempo conlevou facer triplete de récords (do campionato; de España; e autonómico), deixando o seu selo como unha intervención histórica ao alcance de moi poucos ao tratarse dunha soa atacada cun final de broche de ouro. 

 Desta maneira o pupilo de Javier Sierpes Silva e Patricia Pereira Guisantes, deixa claro que é un atleta versátil e polivalente para calquera proba, que compón o amplo abanico de medio-fondo e fondo. 

 Se no inverno cualificóuselle ao atleta guardés dun inverno perfecto, a tempada de aire libre de verán é de sobresaliente, destacando como a guinda da tempada, seguindo triturando récords e títulos nacionais e autonómicos. 

 Desta maneira Álex Sierpes escribe de novo outra páxina deportiva con tinta de ouro. Un novo capítulo na categoría inferiores do atletismo español, engadíndolle os títulos nacionais de cros, pista cuberta dos 3.000 metros na tempada de 2023. 

 Desde aquí hoxe non podemos deixar de mencionar a quen é o noso verdadeiro heroe, non é outro que Alfonso, o director do colexio público Pedro Caselles Beltrán, de Tomiño, que hai 4 anos regalou uns antigos obstáculos, onde o club e os seus directivos encargáronse da súa restauración. Moitas grazas polo xesto. 

 Tomen nota señores responsables das institucións locais, provinciais e da Xunta, xa que para que se poida escribir unha historia destas, todo ten un principio do bo facer. Desde aquí pedimos se alguén se ofrece a regalarnos uns novos obstáculos para poder seguir adestrando ao noso campión e os que virán da base. 

 Agradecer ao concello de A Guarda polo apoio recibido estes días polo novo rexedor Roberto José Álvarez Carrero; ao concello do Rosal por deixarnos as súas instalacións para exercitarnos da mellor maneira; a todos os nosos socios do club e do comercio guardés e sobre todo ao noso concello, que nos fai máis grandes cada día, porque sen o seu apoio isto sería inviable, xa que o noso motor propulsor é o concello de Tomiño. 

 Felicidades a directivos, adestradores e ao seu grupo de adestramento, a toda a cúpula que a compón xa que eles son os artífices deste mérito. 

 E por último felicidades Álex! A gozar e descansar destas merecidas vacacións dos meses de xullo e agosto. En setembro esperámosche para o inicio da tempada invernal.     

Ningún comentario:

Publicar un comentario