ATLETISMO
ÉXTASE DE LEDICIA POLOS LOGRADOS POLOS OS DEPORTISTAS DA SOCIEDADE ATLÉTICA DO TREGA
No XVI Campionato Xunta de Galicia Sub-10 – Sub-12 en pista ao aire libre
Sociedade Atlética do Trega / Redacción Deportes
O domingo de mañá, nas pistas de atletismo Josefina Salgado, en Pereiro de Aguiar (Ourense) celebrouse o XVI Campionato Xunta de Galicia Sub-10 – Sub-12 en pista ao aire libre.
Aínda non nos recuperamos da resaca da alegría do conseguido polo atleta de A Guarda, Álex Sierpes Pereira, no Campionato de España, e os máis pequenos vólvennos facer vibrar novamente con esta éxtase de pódiums o cal, queda confirmado que as escolas deportivas de Tomiño, A Guarda, e O Rosal empezan a dar os seus froitos, xa que son atletas derivados delas, nutrindo ao club e florecendo cada día con resultados exitosos.
Os protagonistas da Sociedade Atlética do Trega foron Sergio Silva Souto (ouro), Julia Martínez Ozores (ouro), Nadia Conejo Bascoy (prata), Alan de la Fuente Maculewicz (prata), Daniela Asensio Lorenzo (bronce), Alba Vasconcellos Rodríguez (bronce), Nadia Conejo Bascoy (bronce), recompilando unha traca de 7 medallas en total.
Alan de la Fuente Maculewizc - a esq. - coa súa medalla de prata en 1.000 metros lisos, na categoría Sub-10 masculino
Resultados dos mozos tomiñeses
Un contundente Sergio Silva Souto, fíxose co ouro dos 1.000 metros lisos, nunha proba que transcorreu moi axustada polos tres primeiros atletas que pretendían facerse coa vitoria. En todo caso, o noso novo atleta encarou os últimos 100 metros sendo o máis forte, entrando en meta cunha marca de 3´14"92 conseguindo así o título de campión galego 2023 na categoría alevín masculino, e pechando o seu ciclo na categoría Sub-12 cos seus respectivos títulos en campo a través, pista cuberta e pista ao aire libre.
O mosqueteiro Alan de la Fuente Maculewizc tamén participou na proba de 1.000 metros lisos, pero na categoría Sub-10 masculino. Foi unha carreira moi axustada, cedendo o triunfo en liña de meta, resignándose á medalla de prata, facendo marca persoal 3´26"86, conseguindo o subcampionato galego 2023.
Os resultados das mozas
Na proba de 500 metros lisos, a rosalesa Sub-10, Julia Martínez Ozores estivo vibrante e emocionante. Cunha actuación maxistral obtivo unha marca de 1´43"34, e fíxose co campionato galego, levándose a medalla de ouro para casa feliz e contenta.
A actuación da tomiñesa Daniela Asensio Lorenzo, non foi menos, quedándonos co mel en beizos. Sendo coñecedores do seu potencial, o cal antes ou despois agromará, fixo un crono de 9"18, conseguindo o bronce autonómico en velocidade nos 60 metros lisos, na categoría Sub-12.
E para rematar as guardesas fixérono case perfecto, coas súas intervencións, onde unha enorme Alba Vasconcellos Rodríguez, cun tempo de 3´30" 85, sacouse a espiña da tempada logrando o bronce nos 1.000 metros lisos alevín feminino.
Pero sen dúbida o mellor foron as actuacións de Nadia Conejo Bascoy, que empeza a despuntar maneiras no atletismo, conseguindo medalla en velocidade e no medio fondo benxamín: Prata en 50 metros lisos, 8"10; e bronce nos 1.000 metros lisos, 3´49"90, pechando así este maxistral campionato galego.
Con este bo balance de medallas a Sociedade Atlética do Trega unifica o Baixo Miño e os seus concellos cunha estreita relación cos éxitos deportivos logrados.
Moitas felicidades a todos atletas, adestradores e directivos. A gozar do verán!
Ningún comentario:
Publicar un comentario