NOITE MEIGA DE SAN XOÁN
O venres 23 de xuño, a partir das 22:00 horas, na Casa da Comunidade de Montes de Camposancos
Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos
Organizada por Rego do Bicosan, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos, o vindeiro venres día 23 de xuño, a partir das 22:00 horas, na Casa da Comunidade de Montes de Camposancos, celebrarase a Noite Meiga de san Xoán, coa actuación do Grupo de Acordeóns Argonat Band.
Asemade, ás 24:00 horas, gran queimada, cuxo conxuro será a cargo de Manuel Villaverde.
As persoas participantes desfrutarán da tradicional cacharela.
A Noite de san Xoán, ou do Lume Novo, é unha celebración vencellada ao solsticio de verán. A súa orixe provén de tempos moi antigos, anteriores ao cristianismo, e perviven no tempo os rituais purificadores do fogo das cacharelas, o encontro lúdico e festivo coa veciñanza dos barrios de vilas, barrios, prazas,..., e de xeito especial nas parroquias rurais de Galicia e tamén doutras comunidades. Sardiñas asadas, pan de broa, viño tinto, bicas,..., adoitan ser insubstituíbles nunha noite tan especial.
Outra das tradicións é a recolección das herbas (artemisa, fento macho, herba luisa, lavanda, macela, romeu,...) e frores (caraveis, roseiras,...) de san Xoán, que poranse en auga recollida de sete fontes - non é imprescindible -, ao sereo, para lavarse a faciana e as mans na mañá do día 24.
Tamén hai quen na medianoite do 23 de xuño bota unha crara de ovo nun vaso con auga e déixaa toda á noite. A forma que teña a crara no abrente dará lugar a diversas interpretacións premonitorias.
Todo iso, e máis, forma parte do folclore arredor da celebración do san Xoán.

Ningún comentario:
Publicar un comentario