O concello de A Guarda adxudicou as obras de mellora da mobilidade da rúa Coruña e camiño escolar do CEIP Manuel Rodríguez Sinde
• Estas dúas obras están financiadas con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra por unha contía global de 561.118 euros
Infogauda / A Guarda
O concello de A Guarda continúa coa mellora de viais públicos da localidade. Nesta ocasión adxudicou a 1ª fase das obras de mellora da mobilidade na rúa Coruña, por un importe de 316.969 euros e o camiño escolar seguro para o CEIP Manuel Rodríguez Sinde, por un importe de 244.149 €. Estas dúas obras están financiadas con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O concurso público foi gañado pola empresa NAROM S.A..
As actuacións na rúa Coruña están destinadas á renovación das redes de abastecemento e saneamento, proxectando unha nova rede separativa. Tamén se renovarán as canalizacións de alumeado público e instalaranse novos puntos de luz, e realizarase a optimización da sección do vial para mellorar a accesibilidade e a seguridade dos peóns.
A rúa terá unhas beirarrúas máis anchas conformando un espazo máis amable para as persoas. Tamén se eliminarán as barreiras arquitectónicas dándolle continuidade aos tránsitos peonís. Levará elementos vexetais en todo o seu percorrido, xardineiras na zona onde hai edificacións e árbores na zona onde non hai edificacións.
Camiño escolar seguro
O camiño escolar seguro pretende favorecer unha inversión de xerarquías no uso do espazo público na que o peón sexa o centro de toda acción quedando os vehículos subordinados a un uso racional e limitado. Para conseguir este fin é necesario facer modificacións físicas nos camiños de transito que conducen a escola. Hai que aumentar as condicións de seguridade e accesibilidade universal. Estas modificacións físicas teñen que ter un complemento con medidas a nivel social para que o camiño escolar cumpra o seu fin.
As actuacións do camiño escolar realizaranse nas seguintes rúas: Brasilino Álvarez, Enrique María Sexto, Circunvalación, Ourense e Tui.
Entre outros, realizaranse traballos para dar preferencia a itinerarios peonís, instalación de xardineiras e varandas, instalación de semáforos, pintados horizontais e murais, instalación de bancos, etc.
Dadas as características das obras, a do camiño escolar deberá executarse durante o verán para que estea lista ao comezo do curso, e a da rúa Coruña, que entraña dificultades de desvío de tráfico para a zona da Cruzada, debería executarse rematado o verán.


Ningún comentario:
Publicar un comentario