5 de xuño de 2023

A GUARDA

O Concello de A Guarda realizará melloras na rede de abastecemento municipal de auga 

Cun investimento de 50.000 €, destinado á modernización e mellora da rede de abastecemento municipal. 

 

Pormenor das instalacións nun dos depósitos do servizo de abastecemento municipal de auga, do concello de A Guarda

Foto: C. A.G.


Infogauda / A Guarda

 O Goberno municipal en funcións vén de facer público no día de hoxe, que “o Concello de A Guarda, seguindo a liña de traballo de mellora dos servizos municipais, realizará un investimento de 50.000 € destinado á modernización e mellora da rede de abastecemento municipal. Para esta actuación o concello fará unha contribución de 4.000 € e a Xunta de Galicia, a través dun fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, fará unha achega de 46.000 €. 

 Tal e como recomenda o Plan de Seca do concello da Guarda, aprobado o pasado ano, é necesario traballar en distintos frontes para garantir o subministro de auga en situacións climáticas cada vez máis adversas motivadas polo cambio climático. Así, por exemplo, no verán do ano 2022 o concello conectaba o novo pozo dos Casás, cun caudal aproximado de 300 m3 diarios, ao depósito regulador do Torroso. Este pozo axudou a levar mellor a situación de seca do verán do 2022.  

 No mesmo ano 2022 o concello encargaba unha “Auditoría Municipal de Abastecemento encamiñada a elaboración de Plans de Actuacións para Minimizar as Perdas de Auga”. Un documento xa recomendado no Plan de Seca por ser o control das as perdas de auga un dos factores que máis influe na optimización do subministro e por tanto no aproveitamento da auga. 

 A Auditoría Municipal do Abastecemento propón un cronograma de actuacións a catro anos para mellorar a rede de subministro de alta presión do concello da Guarda. Coa actuación proposta nesta primeira fase darase inicio ao “Plan de Actuación para Minimizar as Perdas de Auga do Concello da Guarda” que deberá ter continuidade no futuro e que nos permitirá ser máis independentes do subministro de auga de Tui e ter un aforro importante tanto de auga como en reparacións de fugas na rede”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario