19 de xuño de 2023

A GUARDA

A Guarda vai celebrar a diversidade e o orgullo, por cuarto ano consecutivo   

• O día 28 de xuño, de 19:00 a 21:00 horas, na Casa dos Alonso con dúas sesións en paralelo

 



Infogauda / A Guarda

 A concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de A Guarda organizan o evento “A Guarda Diversa”, unha ocasión especial para celebrar o orgullo e continuar dando visibilidade ao colectivo LGTBIQ+.  

 As actividades de “A Guarda Diversa 2023” terán lugar o mércores día 28 de xuño, de 19:00 a 21:00 horas, na Casa dos Alonso con dúas sesións en paralelo.  

 Por unha banda no salón de plenos terá lugar o faladoiro "Non estamos todes: decepcións da Lei Trans", a cargo de Cristina Palacios, traballadora social e xerente da Asociación Arelas; Miguel Vieito, asesor legal da Asociación Arelas e Brais Papiri, responsable da sección xuvenil da Asociación Arelas, crianzas e mocidade trans de Galicia. Esta actividade estará acompañada da actuación musical da artista "A Riso". Neste faladoiro profundizarase naqueles aspectos nos que a lei ten limitacións e os retos de futuro que se presentan. O faladoiro vaise a retransmitir pola canle oficial de YouTube do concello de A Guarda.  

 Por outra parte na sala de audiovisuais da Casa dos Alonso terá lugar o contacontos e obradoiro dirixido a crianzas de 4 a 8 anos, "Transformando Realidades" a cargo de Sara Uris, mestra en Educación Infantil, especializada en igualdade e diversidade. Realizarase de forma simultánea co faladoiro como medida de conciliación.  

 Para asistir ás actividades non é necesaria inscrición previa e a entrada é de balde, ata completar aforo. Á organización prega o acceso 10 minutos antes do inicio de cada acto. 

 Máis información no CIM de A Guarda, no teléfono 986 614 648, na web municipal ou no correo electrónico muller@aguarda.es.  

LIGAZÓN PARA PODER SEGUIR Á TRANSMISIÓN DO FALADOIRO "Non estamos todes: decepcións da Lei Trans"

Ningún comentario:

Publicar un comentario