19 de xuño de 2023

A GUARDA

A Guarda da a coñecer o programa de actividades para a Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira 

Cunha ampla oferta cultural e de lecer  


Lagostas
Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda

 Despois de anunciar a próxima celebración da XXXI edición da “Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira” para a fin de semana do 30 xuño ao 2 de xullo, o concello de A Guarda acaba de desvelar o programa actividades que ten preparado, con entretemento para todos, maiores e pequenos, que se irá realizando ao longo dos tres días nos que ten lugar esta festa.  

 A inauguración do evento festivo e gastronómico terá lugar o venres día 30 de xuño, ás 20:30h, na praza do Reloxo co tradicional pregón. Este ano a cargo do humorista David Perdomo. A entrega da distinción “Lagosta de Honra” ao premiado desta edición e a benvida do alcalde Roberto José Álvarez Carrero, a todos os asistentes.  

 Dende aí, o eixo da festa desprazarase ao porto da vila, tendo lugar as diferentes actuacións na contorna da carpa - ubicada no Portiño Novo -, na que estarán instalados os postos dos restaurantes participantes, envolto todo iso nun ambiente mariñeiro, tradicional e, sobre todo, festivo. 

 De maneira resumida, as actuacións máis destacables son as seguintes:  

Sábado, 1 de xullo 

Ás 20:00h, Lila Star. Un espectáculo familiar cheo de circo, música e humor. 

Ás 23:00h, Os D ́Abaixo. Concerto deste destacado conxunto de folk galego.  

Domingo, 2 de xullo 

Ás 20:00h, De Vacas. Concerto deste innovador grupo cun homenaxe ás mulleres do pop.  

 Así mesmo, dentro do programa inclúense tamén pasacalles durante os días da festa, inchables de auga para nenos no areal da Ribeira durante o sábado e o domingo de 16:30 a 19:30h; unha feira de artesanía con postos de diferentes especialidades e saídas do volanteiro “Piueiro” para todas aquelas persoas que queiran descubrir a navegación nunha embarcación mariñeira tradicional do pobo de A Guarda.  

 Por último, destacar que con motivo da Festa da Lagosta, o programa da TVG “Aquí Galicia” realizarase dende A Guarda, con diferentes entrevistas de xente da vila e actuacións de asociacións locais. 

 Con este intenso programa, aqueles que se acheguen a A Guarda a degustar os diferentes pratos e menús ofrecidos nesta festa gastronómica terán á súa disposición unha amplísima oferta cultural e de lecer que paga a pena non perderse.

Ningún comentario:

Publicar un comentario