A CIG mobilizarase este luns 29 diante de Copo Galicia contra a discriminación salarial das mulleres
A protesta fai parte da campaña nacional que a central vén de poñer en marcha co lema 'Imos rematar coa fenda salarial'
Infogauda / Vigo
A CIG desenvolverá unha concentración este luns día 29 ás 12:00 horas diante de Copo Galicia, empresa da automoción con sede en Mos, para dar visibilidade e denunciar a “inaceptábel situación de discriminación” que padecen as traballadoras desta compañía. A protesta fai parte da campaña que vén de poñer en marcha a central sindical a nivel nacional baixo o lema 'Imos rematar coa fenda salarial'.
Dende a secretaría das Mulleres da CIG explican que a empresa forma parte do grupo Copo, con tres compañías na provincia de Pontevedra: Copo Galicia, Centro Tecnolóxico e Copo Ibérica, sendo Copo Galicia a única empresa que non ten na actualidade un convenio de empresa propio.
Case a metade do cadro de persoal de Copo Galicia son mulleres, sendo a empresa co cadro de persoal máis feminizado do grupo. A compañía asigna diferentes traballos en funcións do xénero das persoas, ocupando as mulleres os postos ligados a costura e os homes os postos de mantemento ou operarios. Esta diferenciación válelles como base para aplicar á mulleres o convenio da industria téxtil e aos homes o convenio de industria química.
Polo que as mulleres, principalmente contratadas na categoría de especialistas do convenio de industria téxtil, cobran só en concepto de salario base segundo convenio o salario mínimo, o os homes, contratados nos grupos 2,3 e 4 do convenio de industria química, cobran entorno a 20.000 euros anuais. É dicir unha diferenza de entorno a 6000 euros anuais só no salario base supón unha fenda do 30%. A isto temos que sumarlle que a xornada anual das mulleres é 66 horas ao ano superior é dicir que traballan 8,25 días máis ao ano por menos diñeiro.
Por iso dende a CIG esixen que se aplique o mesmo convenio colectivo a todo o persoal de Copo Galicia e que se constitúa unha mesa para a negociación dun convenio colectivo de empresa que iguale o dereito ao resto de persoa traballadoras do grupo. “Esta empresa ten que rematar coa discriminación por razón de xénero e deixar de contratar e tratar as persoas traballadoras de xeito diferente polo feito de ser mulleres ou homes”, rematan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario