19 de maio de 2023

VIGO

A 23ª edición do Correlingua chega a Vigo este luns 22  

Doce carreiras pola lingua percorren outras tantas localidades galegas entre o 4 e o 31 de maio baixo o lema 'Na casa, na escola, bota a lingua fóra'  




Infogauda / Vigo

 A 23ª edición do Correlingua, carreira pola lingua do alumnado de todos os ciclos educativos, chega este luns 22 de maio a Vigo. A marcha arrincará da Praza do Concello ás 11:30 horas para rematar no Parque de Castrelos, nunha festa final na que se dará lectura ao manifesto gañador e na que actuará un dos grupos gañadores do Cantalingua: Mekanika Rolling Band. Para as crianzas máis pequenas desde as 11:00 horas actuarán, no propio parque de Castrelos, As Monchas.

 Como todos os anos contaremos para conducir a actividade cunha persoa de relevo na cultura galega e que, no seu día a día, defende a nosa lingua, como é o caso de Fran Rei.

 A saída da marcha na Praza do Rei, ás 10:50 horas, correrá a cargo do alcalde de Vigo Abel Caballero e da concelleira de normalización lingüística, Uxía Blanco. 

 O Correlingua percorre doce localidades galegas entre o 4 e o 31 de maio baixo o lema 'Na casa, na escola, bota a lingua fóra'. Comezou o mércores 4 de maio en Ponteareas e rematará na Estrada o 31 de maio. É unha iniciativa organizada por CIG-Ensino, Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, A Coruña xunto coa Deputación de Lugo, A Coruña e a de Pontevedra. 

 Iníciase no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes concursos. O alumnado elabora as súas propostas para concurso do manifesto, do Regueifando, do Crealingua e mesmo do Cantalingua, no segundo trimestre. A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario