19 de maio de 2023

MARÍN

A FGAMT-CIG esixe unha investigación “seria e rigorosa” sobre as causas do naufraxio do buque 'Vila de Pitanxo' 

Denuncia que o Goberno español, a Xunta e a xudicatura “van a remolque dos acontecementos” dende que se produciu o suceso 

Infogauda / Marín

 A FGAMT-CIG esixe unha investigación “seria e rigorosa” sobre as causas do naufraxio do buque 'Vila de Pitanxo', o pesqueiro con base en Marín que o ano pasado se afundiu cando faenaba en augas de Terranova, provocando a morte de 9 persoas e a desaparición doutras 12. Dende a central sindical denuncian que o Goberno español, a Xunta e a propia xudicatura “van a remolque dos acontecementos” dende que aconteceu o suceso e lamentan que a recente saída da embarcación encargada de determinar as causas do sinistro se teña convertido “nun espectáculo bochornoso”. 

 Diante das últimas novas arredor da partida do buque 'Artabro' -cuxa misión é localizar o pecio e recadar información sobre o que realmente aconteceu o día do naufraxio- a CIG manifesta a súa “máxima decepción” coa actitude do Goberno español “polo esperpento montado” dende que se produciu o sinistro. “Esperpento que agora vai aínda máis alá porque o buque encargado da investigación, fretado polo Goberno, partiu sen que se atendesen as directrices da Audiencia Nacional sobre as datas da expedición e sobre os peritos xudiciais que deberan viaxar a bordo”. 

 Este xeito de proceder leva a central sindical a preguntarse se as Administracións teñen algo que ocultar a respecto desta traxedia e se co seu xeito de proceder quere “protexer a alguén ou ten algún favor que tapar”.  

 Neste senso, censuran que dende o primeiro momento tanto o Goberno central como a Xunta e a propia xudicatura “foron a remolque dos acontecementos, tendo o silencio como primeira resposta”. E critican que a Xunta asegurase que había empresas dispostas a encargarse dos traballos de investigación de maneira gratuíta. Mentres o Goberno do Estado se dedicou a atrasar a toma de decisións un ano e catro meses, “cando noutras ocasións similares foise moito máis rápido”.  

 En canto á actuación da xudicatura, lembran que o caso pasou da Audiencia Nacional aos xulgados de Marín, e dos xulgados de Marín de novo á Audiencia nacional, “como se fose unha pataca quente á que ninguén quería botarlle man”. 

 Por todo isto, a CIG esixe das distintas Administracións implicadas que se poñan a traballar de xeito “serio e rigoroso” e tomen as medidas necesarias “para determinar as responsabilidades que existan neste tráxico suceso”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario