19 de maio de 2023

VIGO

O comité de Vitrasa rexeita a oferta da empresa de adiantar 500 euros por traballador/a a cambio de desconvocar a folga 

Considera a proposta totalmente insuficiente, sobre todo tendo en conta que a dirección négase a negociar as reivindicacións de tipo social 


Mobilización do comité de empresa e persoal de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano de Vigo

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 O comité de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, amosou hoxe o seu rexeitamento á oferta da empresa de facerlle un adianto do 500 euros a cada traballador/a a cambio de desconvocar as xornadas de folga previstas até o vindeiro venres 26. Dende a representación sindical consideran a proposta totalmente insuficiente a proposta, sobre todo tendo en conta que a dirección négase a negociar as reivindicacións de tipo social que o cadro de persoal leva tempo poñendo enriba da mesa. 

 A intención da compañía do grupo Avanza era que os empregados/as abandonasen os paros de 24 horas que están a desenvolver para reclamar un convenio colectivo digno a cambio dun adianto de 500 euros por persoa na seguinte nómina, que lles serían descontados da futura suba salarial que se poida pactar. Mais o comité entende que se trata dunha proposta “irrisoria” que lle suporía á empresa un desembolso de arredor de 180.000 euros, “cando lle están a reclamar ao Concello preto de 31 millóns de euros”. A posición do comité é moi clara neste sentido: o convenio ten que incorporar unha actualización de soldos en base ao IPC acumulado dende que caducou o anterior (6,5% en 2021 e 5,7% en 2023). 

 Ademais, a dirección pretende pechar o conflito e seguir negociando máis adiante sen atender as reivindicacións de tipo social que veñen expresando dende hai tempo os traballadores/as, como son reducir a xornada laboral, aumentar os tempos efectivos de descanso e que as vacacións poidan gozarse preto dos meses de verán. No caso do persoal de taller e oficinas, as demandas pasan por melloras nos vestiarios e pola adquisición de ferramenta e por implementar uns horarios máis racionais.  

 Por iso a representación sindical anunciou que seguirá coa folga e coas mobilizacións previstas cando menos até o vindeiro venres 26 de maio. Unhas mobilizacións que continuaron hoxe cunha manifestación dende as instalacións de Vitrasa até o Concello, pasando pola Avenida da Florida, Praza da Industria e rúa Torrecedeira.  

 Para este luns 22 teñen previsto unha nova marcha a pé dende a empresa ás 7:45 horas que percorrerá a Avenida da Florida, Praza América, Gran Vía e rematará na Praza dos Cabalos. Mentres que o martes trasladarán as protestas ás portas do consistorio a partir das 10:30 horas. 

 Ao mesmo tempo, continuarán presentándose nos distintos actos políticos nos que participa o alcalde con motivo das próximas eleccións municipais para esixirlle a súa implicación no conflito. Polo momento non puideron coincidir en ningún mitin co rexedor, xa que ou non se presenta ou os abandona sen chegar a intervir cando detecta a presenza dos traballadores/as.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario