12 de maio de 2023

O ROSAL

No Día das Letras Galegas 2023, O Rosal vai homenaxear á lingua 

 O vindeiro 17 de maio, a Praza do Calvario acollerá varios actos para conmemorar esta data na que honra a Francisco Fernández del Riego 

 


Infogauda / O Rosal

 O Rosal prepárase para homenaxear á lingua no Día das Letras Galegas. O vindeiro mércores 17 de maio, a Praza do Calvario acollerá un amplo programa de actividades de balde durante a tarde co que conmemorar esta data, que este ano busca recuperar a memoria e render tributo ao escritor Francisco Fernández del Riego. “Queremos que a veciñanza goce con nós da nosa lingua a través de actividades de lecer nun espazo tan propicio para a convivencia como a Praza do Calvario”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 O programa de actividades comezará ás 17.00 horas cun espectáculo de teatro e danza para público infantil. As Armadanzas serán as encargadas de que o público remate ‘Bailando coa lingua’, unha proposta na que a cantante de Leilía, Montse Rivera, emprega como fío condutor un diálogo entre un mozo e unha moza nun tempo pasado, unha conversa en lingua galega que exemplifica como servía de base das relacións humanas xunto á música e ao baile. Con explicación sinxelas, As Armadanzas van introducindo danzas galegas e bailes-xogo de carácter tradicional que farán mover os pés a toda a familia.  

 Tras esta actuación chegará a quenda dos grupos de música locais Novo Orballo e Airiños de San Miguel, que ocuparán o escenario ás 19.00 horas. O grupo de pandeireteiras Novo Orballo achegará un amplo repertorio de canción populares galegas, sons tradicionais que recompilan una mostra do folclore galego, acompasado e arroupado polos aires da gaita, os toques de táboa e a pandeireta. Pola súa banda, Airiños de San Miguel traerá ao público os ritmos desta agrupación formada polos veciños e veciñas desta parroquia rosaleira.   

A festa rematará ás 19.30 horas coa presentación do novo disco de Xistra de Coruxo, ‘Choven flores no Rosal’, un traballo homenaxe aos irmáns Flores (Emilio e José) cheo de muiñeiras, rumbas, pasodobres, polcas... no que ten colaborado o Concello do Rosal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario