O XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia celebrarase do 3 ao 6 de agosto en Sada
• A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) prevé reunir máis dun cento de embarcacións e case un milleiro de tripulantes na vila coruñesa, onde ofrecerá un variado programa cultural
Infogauda / Sada (A Coruña)
A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) vén de presentar na Capela de San Roque, en Sada, o XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará na vila coruñesa do 3 ao 6 de agosto. No acto interviron o presidente da federación, José Luis Sacau Fontenla; o presidente da Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros, Miguel Martínez; e a alcaldesa do municipio, María Nogareda. Despois de ofrecer os detalles do encontro, fíxose entrega dos trofeos da XIV Copa Balbina e inaugurouse a exposición organizada pola ACM Os Patexeiros na propia capela.
O porto de Sada acollerá, en agosto, dornas, navíos ou bucetas que farán diversos percorridos pola ría, pero tamén se desenvolverá, no paseo, un variado programa de actividades culturais vencelladas ao mar. Esta decimosexta edición do evento chega en 2023 trala suspensión da anterior edición, en Moaña, pola Covid-19.

Ningún comentario:
Publicar un comentario