12 de abr. de 2023

PONTEVEDRA

AREEIRO ADVIRTE DA APARICIÓN DAS PRIMEIRAS MANCHAS DE MILDIO NAS VIÑAS 

 O centro fitopatolóxico da Deputación de Pontevedra recomenda iniciar a revisión dos predios ante as condicións de inestabilidade que anuncian as predicións meteorolóxicas


Esta primeira mancha en folla está pouco desenvolvida
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra advirte da aparición das primeiras manchas de mildio en viñas tralas revisións realizadas polo seu persoal que confirmaron a alerta realizada por persoas técnicas e viticultoras. O centro recomenda iniciar a revisión dos predios ante as condicións de inestabilidade meteorolóxica e, no caso de non facelo, tratar as viñas nos momentos en que as condicións climatolóxicas o permitan. A viña debe estar seca (pódese engadir un mollante para facilitar a adherencia do funxicida) e non debe haber ventos de velocidade superior a 3 m/s (10,8 Km/h) para que o produto non sexa arrastrado fóra da viña.  

 Ante as predicións previstas para estes días, con alternancia de choivas e períodos de claros e tendo en conta que a primavera é unha estación onde a situación pode variar con facilidade, a EFA recomenda estar alerta ás previsións diarias e iniciar a revisión. En caso de non facela, será preciso tratar as viñas nos momentos en que as condicións climatolóxicas o permitan.  

 O centro asegura que aínda que nestes días aparecerá a primeira mancha en todos os predios, as condicións de desenvolvemento da vexetación ou de aireación poden variar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario