12 de abr. de 2023

OIA

A Asociación contra o Cancro visita o Concello de Oia   

 

A alcaldesa, Cristina Correa Pombal, co coordinador territorial da Asociación Española Contra o Cancro na Provincia de Pontevedra, Telmo Crespo Tojeiro, e máis a delegada no Baixo Miño, María Pilar Barbosa Melo

Foto: C.O.


Infogauda / Oia

 Responsables da Asociación Española Contra o Cancro visitaron este mércores o Concello de Oia, onde se reuniron coa alcaldesa, Cristina Correa Pombal, para facer balance do traballo que a entidade está a realizar na zona.  

 Na xuntanza participaron o coordinador territorial da Asociación Española Contra o Cancro na Provincia de Pontevedra, Telmo Crespo Tojeiro, e máis a delegada no Baixo Miño, María Pilar Barbosa Melo, quen lle expuxeron á rexedora municipal a importancia de conseguir persoas asociadas para poder manter todos os servizos gratuítos que ofrece o colectivo.  

 Ambas partes coincidiron na relevancia de colaborar na visibilización dos servizos da asociación e no apoio a unha investigación científica de calidade.   

 A Asociación Española Contra o Cancro Provincia de Pontevedra é unha organización sen ánimo de lucro formada por pacientes, familiares, voluntariado, colaboradores e profesionais que traballan para diminuír o impacto causado polo cancro e mellorar a vida das persoas. Actúa educando en saúde, apoiando e acompañando ás persoas enfermas e o seu entorno e financiando proxectos de investigación que permitan un mellor diagnóstico e tratamento. Conta cun teléfono de información, asesoramento e apoio que funciona as 24 horas: 900 100 036.  

 Entre os seus servizos, que presta de xeito gratuíto, atópanse a atención social e económica, apoio emocional, programas de recuperación da fala, programa de deshabituación tabáquica, financiamento de investigación e accións de voluntariado. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario