O Concello de A Guarda pide a colaboración cidadá para reducir o impacto da avespa velutina no noso medio ambiente
• Desde a institución municipal prégase a todos os veciños e veciñas que cando detecten a presenza destes insectos ou dos seus niños, avisen ao teléfono 012.
Infogauda / A Guarda
Dende a concellería de Medio Ambiente do Concello de A Guarda, pídese a colaboración cidadá para detectar e notificar a presenza de niños de avespa velutina no noso municipio.
"É de vital importancia esta colaboración nestas datas, xa que dende o mes de febreiro e ata o mes de maio as raiñas fundadoras da avespa velutina saen a formar o niño primario, momento no cal se debe de facer o trampeo por parte da cidadanía, xa que axuda ao control desta especie invasora nesta época", indican dende o concello.
Asemade, lembran que "por cada raiña velutina collida nestas datas, poderíamos atoparnos cunha redución dun niño menos nos vindeiros meses. A construción dos niños adoita ser en lugares resgardados coma troncos ocos, teitos de uralita, estruturas abandonadas, etc.
A avespa velutina xera un gran impacto na biodiversidade da nosa contorna, debido a súa gran voracidade podería extinguir especies autóctonas, cun grave prexuído para o ecosistema natural".
Prégase a todos os veciños que cando vexan un niño chamen o 012.
Ningún comentario:
Publicar un comentario