UN RECITADO “PROFUNDAMENTE FERMOSO E REIVINDICATIO” NA SEDE DA DEPUTACIÓN EN VIGO PARA CELEBRAR O DÍA INTERNACIONAL DA POESÍA
• A Deputación de Pontevedra organizou un recitado compartido con tres voces novas da lírica galega e os emocionantes versos de sete persoas usuarias da Asociación de Familias con Parálise Cerebral
Infogauda / Vigo
A primavera chegou á provincia con poesía, diversidade, música, ilustración e, por enriba de todo, bágoas e risos cargados de emoción, de respecto, de inclusión e de accesibilidade para todas as persoas. A Deputación celebrou por todo o alto o Día Internacional da Poesía cunha espectacular e emocionante acción, na sala Rosalía da sede de Vigo, que conmemorou a “Poesía cos pés na terra!” cun fermoso recitado poético no que participaron tres voces novas pero xa consolidadas do panorama lírico galego, Ana Fontenla, Ismael Ramos e Andrea Valle, e sete poetas con parálise cerebral, usuarias da Asociación de Familias con Parálise Cerebral (APAMP): Pilar Álvarez, José Varela, Fátima Domínguez, Sergio González, Begoña Moldes, Alejandro Portela e Álvaro Villa. A conmemoración do Día Internacional da Poesía, á que asistiron a presidenta Carmela Silva e a xerente de APAMP, Conchi Somoza, completouse co acompañamento musical do músico cego Pablo Galiñares e coa realización dunha ilustración en directo a cargo da recoñecida muralista Nana.
A presidenta, Carmela Silva, visiblemente emocionada, sinalou que “este recitado poético é o máis fermoso que temos organizado ata o momento”, unha acción “que nos permitiu escoitar e gozar da palabra escrita que se converteu en poesía para facernos mellores seres humanos”. A presidenta da Deputación asegurou que “hoxe tivemos a sorte de poder rir e chorar coa forza que dá a valentía de toda esta xente que sabe que o mundo só merece a pena se somos conscientes de que todas somos persoas diversas e diferentes, pero iguais en dereitos”. A presidenta agradeceu a “aposta pola cultura” e o labor de APAMP: “dá gusto pensar que neste mundo tan inxusto e onde acontecen cousas terribles hai xente que é capaz de construír unha vida que vale a pena”.
Por iso, afirmou Carmela Silva, “este acto é profundamente fermoso pero tamén profundamente reivindicativo, xa que reivindicamos que todas as persoas teñan dereito a ocupar todos os espazos, a que as nosas voces sexan escoitadas e a que non se perda esta calidade poética”. A presidenta provincial salientou palabras que se repetiron nos poemas como “confluencia” ou “compartir”, e asegurou que “a partir de hoxe todos os poemas que escoitamos acompañarannos, e non poderemos esquecer este día tan especial e único, con xente extraordinaria que nos ensinou todo o que perdemos por non ter a mente aberta”. Por iso, a presidenta salientou “enormes” voces líricas con diversidade, como José Luis Borges, Homero, Nuria del Saz, Cándido Rodríguez Pinilla, Vicenta Castro Cambó ou Valentín Lamas Carvajal.
Pola súa banda a xerente de APAMP, Conchi Somoza, agradeceu “a aposta que fai a Deputación de Pontevedra por celebrar o Día Internacional da Poesía cun recitado de poesía inclusiva”, xa que a visibilidade das creacións de persoas con diversidade funcional “alenta a deixar atrás os atributos externos e a apresar toda a sensibilidade interior das e dos poetas” que participaron no acto.
A poesía, unha das formas máis prezadas da expresión e a identidade lingüística da humanidade, pasou do papel á palabra e resoou na sala Rosalía de Castro a través dun recitado inclusivo que permitiu que a linguaxe poética fose accesible para todas e todos, dando voz a poetas con diferentes capacidades a nivel intelectual e físico da provincia que ofreceron unha lectura horizontal e compartida das súas historias. Sergio González, Fátima Domínguez, Begoña Moldes e Alejandro Portela, usuarias e usuarios de APAMP, leron tres poemas da súa autoría. Ademais de cadanseu poema orixinal, o e as poetas Ismael Ramos, Andrea Valle e Ana Fontenla tamén leron outros tres da autoría das usuarias de APAMP Pilar Álvarez, José Varela e Álvaro Villa (respectivamente), xa que teñen dificultades para ler.
O acto tivo unha apertura e un peche musicais a cargo do músico cego Pablo Galiñares, que ofreceu senllos solos de guitarra e tamén acompañou as e os poetas durante o recitado. No transcurso da acción, a ilustradora Nana elaborou unha peza en directo, sobre un lenzo de gran formato, dedicado á poesía inclusiva onde transmitiu de forma visual as palabras dos poemas recitados. A súa ilustración, a imaxe dunha nena cos ollos pechados sostendo un libro, será doada a APAMP para instalala na súa sede. A celebración do Día da Poesía tamén contou con interpretación en lingua de signos da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (XOGA).
Ningún comentario:
Publicar un comentario