21 de mar. de 2023

TUI

Maica Larriba leva a Tui “MAVI: a maleta viaxeira contra a violencia de xénero” para achegar recursos formativos en igualdade e contra as violencias machistas á súa veciñanza 

 A maleta permanecerá durante tres meses no Concello  

A maleta viaxeira continúa o seu recorrido pola provincia de Pontevedra, tras facer parada nos concellos de A Lama, Moaña, Covelo, A Guarda, O Grove, Mondariz e A Cañiza 

A subdelegada lembra que na provincia hai activos 1.391 casos de violencia de xénero con seguimento policial 

“O fomento da igualdade e a concienciación son dúas ferramentas fundamentais para combater as violencias contra as mulleres” 


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou no Concello de Tui o proxecto de sensibilización “MAVI: a maleta viaxeira contra a violencia de xénero”. No acto tamén estivo presente o alcalde do municipio, Enrique Cabaleiro; a concelleira de Igualdade, Ana María Núñez; a traballadora social do Concello, Carmen María González; e a xefa da Unidade contra a Violencia sobre as Mulleres na provincia de Pontevedra, Manuela Vilaboy

Foto: S. de G.

Infogauda / Tui

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou no Concello de Tui o proxecto de sensibilización “MAVI: a maleta viaxeira contra a violencia de xénero”, unha iniciativa promovida pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación. No acto tamén estivo presente o alcalde do municipio, Enrique Cabaleiro; a concelleira de Igualdade, Ana María Núñez; a traballadora social do Concello, Carmen María González; e a xefa da Unidade contra a Violencia sobre as Mulleres na provincia de Pontevedra, Manuela Vilaboy. A subdelegada insistiu na responsabilidade que deben asumir as institucións públicas na concienciación e, sobre todo, na oferta de lugares seguros de denuncia e de atención ás vítimas desta violencia “xa que os 1.391 casos de violencia de xénero activos na provincia no Sistema VioGén son intolerables e evidencian a magnitude dunha realidade que non podemos obviar, a pesares de que moitos insistan en negala”.  

 Co obxectivo de traballar a prol da concienciación e a prevención destas violencias, nace o proxecto “MAVI: a Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero”, unha iniciativa que pretende achegar libros de diferentes temáticas relacionadas co feminismo, a igualdade, o empoderamento, a autoestima ou as violencias machistas ás mulleres e nenas da provincia. Con catro maletas viaxeiras en activo, unha delas recala agora en Tui no seu recorrido pola provincia de Pontevedra. As outras xa fixeron parada nos concellos de A Lama, Moaña, Covelo, A Guarda, O Grove, Mondariz e A Cañiza. MAVI contén textos que promoven a reflexión, a sensibilización e concienciación sobre temas determinantes para conseguir unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias, favorecendo un pensamento crítico fronte aos estereotipos e roles de xénero que perpetúan estas violencias e desigualdades.  

 Maica Larriba sinalou a importancia da educación e a concienciación en igualdade na loita contra as violencias machistas e destacou que “aínda queda moito por facer”. Así mesmo, Larriba pediu a todas as mulleres “que dean un paso á fronte para que o sistema poida axudalas e protexelas” e estendeu o chamamento ás contornas destas mulleres para que denuncien e así “poder protexer os seus dereitos e os dos seus fillos”.  

 O alcalde da localidade, Enrique Cabaleiro, subliñou a importancia da “cooperación interadministrativa para facerlle fronte a esta lacra” e reivindicou o papel dos Concellos como á administración máis próxima ás vítimas.  

 A maleta permanecerá en Tui tres meses e percorrerá diferentes servizos e instalacións municipais, recalando na Biblioteca e nos seus clubes de lectura.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario