ALUMNADO DE 3º E 4º DE PRIMARIA DA GUARDA, SOUTOMAIOR E VIGO RECIBE NA DEPUTACIÓN OS PREMIOS AOS “MELLORES XOGUETES DO MUNDO”
• O CEIP Manuel Padín Truiteiro de Arcade, o CEIP Virxe do Rocío de Vigo e o CEIP A Sangriña da Guarda alzáronse cos premios do concurso organizado no marco da campaña “Grazas, Xoguetes”, para promover os xoguetes non sexistas e non violentos
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra xa ten veredicto: os mellores xoguetes do mundo son ‘O Monopoly da Igualdade’, ‘As creacións artísticas’ e ‘Xogo de cartas non competitivo’, creados polas aulas de 3º B de Primaria do CEIP Manuel Padín Truiteiro de Arcade (Soutomaior), 4º de Primaria do CEIP Virxe do Rocío, de Vigo e 3º de Primaria do CEIP A Sangriña, de A Guarda. Case un centenar de nenas e nenos encheron o Salón de Plenos da Deputación, acompañadas e acompañados do seu profesorado, para recibir os premios do concurso escolar organizado pola institución provincial no marco da campaña “Grazas, Xoguetes” para a adquisición e uso de xoguetes non sexistas e non violentos durante o Nadal. A presidenta, Carmela Silva, acompañada da consultora de Red Talento Laura Seara –creadora da campaña– e da deputada Ana Laura Iglesias, fixo entrega dos premios e adiantou que “imos traballar para converter estes prototipos en xogos e xoguetes que poidamos repartir entre todos os centros de educación da provincia de Pontevedra”.
Para participar no concurso, o alumnado tivo que deseñar e fabricar xoguetes orixinais, creativos, igualitarios e non violentos, sen límites nin estereotipos de xénero e con materiais reciclados e reutilizados. “Os xoguetes permítennos soñar o que queremos ser, e todas e todos vós podedes xogar con todo e ser o que queirades, totalmente libres”, sinalou Carmela Silva quen tamén fixo fincapé no poder que teñen para configurar a nosa personalidade: “Quen non lembra xogar con xogos e xoguetes cando era nena e neno? Canto aprendemos con eles, porque cos xogos e os xoguetes nos relacionamos, construímos e compartimos, son un elemento de aprendizaxe moi importante”. Por iso, a presidenta lembrou que a campaña “Grazas, Xoguetes” mostraba 5 profesionais da provincia que “chegaron a triunfar porque cando eran cativas e cativos xogaron con xoguetes que lles permitiron pensar que se querían dedicar a iso de maiores”.
O traballo gañador foi ‘O Monopoly da Igualdade’ elaborado por 3º B de Primaria do CEIP Manuel Padín Truiteiro, de Arcade (Soutomaior), un xogo de preguntas e respostas sobre a Igualdade cun taboleiro no que salienta a cela “Escola de Igualdade”. Despois de fallar 4 preguntas, o equipo que chegue a esta cela terá que permanecer nela durante tres quendas para atender ben ás respostas do resto de persoas xogadoras e así aprender máis sobre a Igualdade. Como gañadora, a aula recibe unha actividade didáctica e un lote de material educativo igualitario.
Tamén se entregaron dous accésits a aulas que recibiron o lote de material educativo igualitario. Por unha banda ao 4º do CEIP Virxe do Rocío, de Vigo, que empregaron materiais reciclados (botellas, envases, cartóns, caixas…) para elaborar os 8 xoguetes do seu proxecto ‘As creacións artísticas’: o “Ursbot”, “Os coches do futuro”, “A raíña Facherita”, “Dona Agustina”, “Dino chef”, “Xabi O Grande”, “O Mega Coche” e “Duende”. O outro accésit foi para 3º de Primaria do CEIP A Sangriña, de A Guarda, que elaborou un ‘Xogo de cartas non competitivo’ con naipes que representan cada un dos planetas do sistema solar e o Sol, e os comodíns da Lúa, as estrelas e o Big Bang.
A entrega de premios, enmarcada nas actividades da Deputación con motivo do 8 de marzo, rematou coa actuación da banda de rock & roll en galego para público cativo A Gramola Gominola, Premio Martin Códax da Música 2018 ao mellor grupo de música infantil. Paco ‘Pakolas’ Cerdeira, Paula Romero, Anxelo de Xermar e Rodrigo Muñoz ofreceron o espectáculo ‘Bravas. O rexurdir da luz’, que pon en valor as superheroínas –mulleres que inspiran e dan luz ao mundo– que tratan de cambiar o mundo cos seus superpoderes para loitar contra o abuso escolar, defender a lingua, protexer a natureza e visibilizar as emocións.
“Grazas, Xoguetes, por axudarnos a soñar sen estereotipos”
A campaña “Grazas, Xoguetes” que lanzou a Deputación de Pontevedra previamente ao Nadal reivindica a importancia e o decisivo papel dos xogos e xoguetes na educación, no desenvolvemento da personalidade e na elección de futuras profesións, xa que os xoguetes axudan a cumprir os soños, libres de prexuízos e estereotipos sexistas. Todo iso baixo un lema común: “Este Nadal aposta polo talento das túas fillas e fillos, aposta por xoguetes libres de estereotipos”.
As pezas da campaña (carteis e vídeos grupais e individuais) amosaban a 5 profesionais da provincia cos xoguetes que as inspiraron, aos que dan as grazas por axudalas a soñar e ensinarlles que podían ser o que quixeran: o cociñeiro Pepe Solla, a investigadora África González, a futbolista Paula Dapena, a produtora audiovisual Emma Lustres e o bailarín Diego Landín.
Ningún comentario:
Publicar un comentario