15 de mar. de 2023

O ROSAL

O alumnado de primaria do Rosal aprende a reciclar nas aulas  

 O Concello puxo en marcha a campaña ‘Traballando co lixo’ para implicar a rosaleiros e rosaleiras nunha correcta xestión dos residuos dende a infancia  


O concelleiro de Participación Veciñal e Voluntariado, Ramón Fernández Leal, nun dos encontros co alumnado dándolles a coñecer o proxecto  ‘Traballando co lixo’

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 Aprender dende cativos e cativas a reciclar os diferentes residuos. Ese é o obxectivo de ‘Traballando co lixo’, unha campaña posta en marcha polo Concello do Rosal coa que se busca implicar a rosaleiros e rosaleiras nunha correcta xestión dos residuos dende a infancia. 

 “É moi importante que dende moi pequenos e pequenas poidan ir aprendendo que o primeiro paso para un axeitado reciclaxe de residuos é saber recoñecer onde debe ir cada resto. Aprendelo na aula, rodeado dos seus compañeiros e compañeiras, en equipo, é unha boa experiencia para nenos e nenas”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 Con este proxecto vanse percorrendo todas as aulas de educación primaria dos centros educativos do Rosal para traballar en común as cuestións relacionadas co lixo e coa reciclaxe. Así, ao longo da actividade, os nenos e nenas aprenden que deben botar no colector amarelo, “ese que sempre se di de plásticos pero que realmente é de envases”, como lles explica durante os encontros o concelleiro de Participación Veciñal e Voluntariado, Ramón Fernández Leal. 

 A través de diferentes actividades, o alumnado repasa aqueles elementos que deben levarse ao Punto Limpo aproveitando as lembranzas da visita realizada ás instalacións. Ademais, tamén seleccionan diferentes tipos de residuos e falan de outros tipos de lixo moitas veces máis difíciles de catalogar para poder desbotar, como as cápsulas de café, os medicamentos ou os restos orgánicos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario