30 de mar. de 2023

O ROSAL

O Rosal recibirá o vindeiro 3 de abril a visita dunha unidade móbil de doazón de sangue  

 Estará situada na rúa Ramón Franco, 4, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas  

 


Infogauda / O Rosal

 O Rosal prepárase para Semana Santa coa visita unha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que estará no concello o vindeiro luns 3 de abril para todas aquelas persoas que desexen achegar a súa pinga de solidariedade. Como ven sendo habitual, o autobús estará situado na rúa Ramón Franco, nº 4, fronte á sucursal de Abanca, e os rosaleiros e rosaleiras poderán doar sangue de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.  

 Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg de peso, e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.  

 Cómpre lembrar que aínda que o persoal da unidade móbil fai unha revisión a todas as persoas que se achegan a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue extraída, recoméndase a todas as persoas non acudir se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios.  

 A Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos pon a disposición da veciñanza un número de teléfono gratuíto, o 900 100 828, para consultar dúbidas sobre a doazón de sangue ou sobre a localización das unidades móbiles. 

 As doazóns feitas nas unidades móbiles son procesadas e analizadas nas dependencias centrais da Asociación Galega de Doazón de Sangue e Órganos, grazas ao que é posible enviar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais galegos para atender a milleiros de doentes os 365 días do ano. É importante lembrar que os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos... 

Ningún comentario:

Publicar un comentario